- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellería de Cultura, informa de que na Xunta de Goberno Local do 12 de febreiro aprobáronse as bases de participación das agrupacións musicais non profesionais do concello de Ames nas festas populares ou actividades orientadas á dinamización sociocultural de 2026. Posteriormente, os grupos de música tradicional e corais non profesionais inscritos poderán ser solicitadas por asociación e comisións de festas municipais dentro da convocatoria de subvencións en especies para as festas populares celebradas no 2026. A través desta iniciativa búscase fomentar a celebración das festas e colaborar na súa organización, facendo máis doada o labor que está a desenvolver o tecido asociativo e as comisións de festas do concello no eido da dinamización sociocultural. En 2026 a contía total desta liña de axudas ascenderá a 24.000 euros.
Entre os obxectivos da Concellaría de Cultura atópase o de poñer en valor o tecido asociativo municipal, por unha parte apoiando aos grupos de música tradicional propiciando actuacións ás entidades organizadoras das festas, e por outra parte fomentando a celebración das festas populares colaborando na súa organización.
Estas bases teñen por obxecto establecer os criterios e procedementos para que as asociacións inscritas no rexistro de asociacións do Concello de Ames poidan inscribir as súas agrupacións de música tradicional e corais e así as entidades que organizan festexos ou actividades orientadas á dinamización sociocultural municipal, poidan solicitar axudas en especie consistentes en actuacións das agrupacións de música tradicional ou corais do Concello de Ames durante o 2026 que estean inscritas neste programa.
Poderán inscribirse todos os grupos de música tradicional e corais non profesionais que estean constituídos como asociación e figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións do concello de Ames. Comprobarase que os datos estean actualizados no momento da inscrición. O prazo para a inscrición das agrupación é de 15 días naturais dende o día seguinte á publicación das bases no BOP.
As agrupacións presentarán a solicitude de inscrición no programa, xunto co resto da documentación na Sede electrónica do Concello de Ames mediante o modelo normalizado que se inclúe como anexo nas bases de dita convocatoria.
Inscrición nun máximo de dúas modalidades
Cada grupo poderá inscribirse nun máximo de dúas modalidades (número de compoñentes en cada actuación e se é música/baile ou música e baile).
O importe dos cachés será fixado segundo o seguinte criterio:
-Actuación de ata 4 membros - Máximo 300 euros/actuación.
-Actuación de entre 5 e 10 membros - Máximo 500 euros/actuación.
-Actuación de entre 11 e 15 membros - Máximo 600 euros/actuación.
-Actuación de entre 16 e 20 membros- Máximo 900 euros/actuación.
-Actuación de máis de 20 membros- Máximo 1.000 euros/actuación.
Pagamento
O Concello de Ames, adxudicaralle un contrato con cada un dos os grupos de música tradicional e corais non profesionais inscritas no programa por cada actuación. Para o cobramento de cada actuación os grupos deberán presentar a factura polo importe da actuación e acreditación da realización mediante, certificado, declaración ou informe no que se especifique a data da actuación, lugar, evento ou festexo, e a asociación ou comisión de festas que solicitou a actuación.
Axudas en especies para festas populares
Posteriormente, os grupos de música tradicional e corais non profesionais inscritas poderán ser solicitadas por asociación e comisións de festas municipais dentro da convocatoria de subvencións en especies para as festas populares celebradas no 2026. A través desta iniciativa búscase fomentar a celebración das festas e colaborar na súa organización, facendo máis doada a labor que está a desenvolver o tecido asociativo e as comisións de festas do concello no eido da dinamización sociocultural. En 2026 a contía total desta liña de axudas ascenderá a 24.000 euros.
Novas relacionadas
Diario de Santiago: "Apróbanse as bases de participación das agrupacións musicais non profesionais de Ames nas festas populares ou actividades de dinamización sociocultural de 2026"





