Pestanas principais

Apróbanse as bases da convocatoria de subvencións para a promoción do comercio local por un importe de 40.000 euros

Venres, 18 de agosto de 2017

[18-08-2017] O Concello de Ames vén de aprobar en Xunta de Goberno Local as bases da convocatoria de subvencións para a promoción do comercio local correspondentes ao exercicio 2016. O importe total das axudas ascende a 40.000 euros. Respecto á convocatoria do exercicio anterior increméntase a partida destas axudas en 15.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes dende o día seguinte á pública de ditas bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases desta convocatoria de axudas.

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, explica que a través desta convocatoria de axudas preténdese “achegar ao comercio amesán o maior número posible de clientes, mellorar a calidade da actividade comercial e favorecer a existencia dunha actividade estable de promoción e mellora do comercio dentro do ámbito territorial municipal que estea programada e desenvolta polas entidades asociativas do sector. Ademais, búscase favorecer a realización de actividades abertas á participación do comercio en xeral e acadar o autofinanciamento das entidades, primando a aquelas que acheguen unha maior porcentaxe de fondos propios ao desenvolvemento das actividades”.

Haberá dúas liñas de actuación. A primeira delas, cun orzamento máximo de 34.000 euros, destinarase a subvencionar as accións e proxectos destinados á comunicación comercial de distinta índole sobre o mercado: publicidade, promoción de vendas, animación comercial, celebración de exposicións, congresos, e aquelas actividades destinadas a promoción de produtos comercializados polas empresas que desempeñan a súa actividade comercial no concello de Ames, así como os gastos de contratación de persoal destinado a promover accións de promoción económica dentro do ámbito dos seus asociados.

A segunda liña de actuación, de 6.000 euros, vai dirixida a sufragar os gastos de infraestrutura e equipamento das asociacións (mellora de instalacións, adquisición de material mobiliario ou material funxible, software propio ou páxina web, etc..). Serán sufragados os gastos de funcionamento da asociación, entendéndose como tales tan só os gastos de alugueiro de locais e xestoría. Non se inclúen os gastos de mantemento ordinario, tales como teléfono, luz e auga, nin a adquisición de bens inmobles. Todos os gastos para os que se solicite a achega municipal deberán ter sido efectuados dentro do exercicio 2016.

A esta convocatoria de subvencións poderán optar as asociacións de comerciantes e profesionais existentes no concello de Ames, legalmente constituídas, e que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións, sempre e cando os datos da inscrición estean debidamente actualizados no momento de solicitar a achega. As solicitudes deberán presentaranse no rexistro xeral do Concello de Ames, ou en calquera outros rexistros públicos aos que se refire a Lei 35/2015, de 01 de outubro, de Procedemento Administrativo Común das administracións públicas. O prazo para presentar as solicitudes é dun mes, contado desde o día seguinte á publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.

Plan estratéxico de subvencións
Esta convocatoria de axudas está incluída dentro do plan estratéxico de axudas municipais que foi aprobado no pleno ordinario de maio deste ano. Para este plan habilitouse dentro do orzamento unha partida de 653.018,55 euros, que supón un incremento de 263.245 euros (un 68%) respecto ao exercicio 2016. Deste xeito, esta liña de axudas experimenta un incremento de 15.000 euros respecto a do exercicio anterior. A través deste plan establécese un calendario de subvencións polo que se vai a rexer o Concello durante os anos 2017, 2018 e 2019. Este plan ten un carácter estratéxico e programático.

Esta liña de axudas, ao igual que as bases da convocatoria anterior, recolle varias modificacións atendendo as peticións feitas polas asociacións de empresarios e comerciantes municipais. Deste xeito, modificáronse os criterios de valoración das solicitudes atendendo ao interese e adecuación ao interese local da actividade; o número de socios activos; o coeficiente de financiamento derivado da solicitude; o orzamento da actividade; a promoción da lingua galega; e a adhesión ao sistema de arbitraxe de consumo de Galicia.

Por último, no caso de que tras efectuar o reparto das axudas exista un remanente na convocatoria, este destinarase a incrementar proporcionalmente o importe das achegas asignadas no primeiro reparto, ata que algunha das solicitudes acade un coeficiente de financiamento do 80%, supere o importe solicitado ou supere o importe xenerado para cada grupo de actividades.

Contido relacionado


Lindeiros: "Ames aproba as subvencións para a promoción do comercio local"