Pestanas principais

Aprobados todos os asuntos plenarios correspondentes ao mes de outubro

Luns, 04 de novembro de 2019

A Corporación municipal aprobou no pleno ordinario de outubro o expediente de licitación do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Ames. Tamén saíron adiante a revisión ordinaria do canon principal e do canon da ampliación do contrato de limpeza viaria e xestión do punto limpo; a proposta de modificación da porcentaxe de financiamento da subvención nominativa á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil; a proposta de revogar parcialmente o acordo de delegación de competencias en materia tributaria na Deputación da Coruña; e a modificación das ordenanzas fiscais do ICIO e do IBI. Igualmente, saíu adiante unha moción de urxencia presentada polo grupo de goberno para asumir o coste dos proxectos incluidos nos Orzamentos Participativos 2019 en función do superávit da liquidación de 2018 e rexeitouse unha moción in voce presentada polo grupo municipal do PP relativa ao funcionamento dos Servizos Complementarios do Concello. Dende o grupo de goberno manifestouse que non podía considerarse como moción, situación que fixo que os concelleiros e concelleiras do PP de Ames abandonaran a sesión. Si se abordou unha proposta presentada pola Anpa do CEIP A Maía relativa o acompañamento dos nenos e nenas que teñen actividades extraescolares no Pavillón de Bertamiráns, facendo bo ese novo procedemento administrativo para que os veciños e as veciñas individualmente, e/ou as entidades veciñais inscritas no rexistro municipal do Concello de Ames, poidan intervir nas sesións do Pleno municipal.

Na sesión plenaria do mes de outubro procedeurse á aprobación, por unanimidade, do expediente de licitación do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Ames. Este constitúe un recurso preventivo e asistencial de primeira orde, ao posibilitar a permanencia das persoas maiores na súa contorna de convivencia habitual, previr situacións de dependencia ou exclusión social e atrasar ou evitar a institucionalización. O contrato que viña prestando a actual empresa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) rematou o 31 de agosto de 2019, e aínda que existía a posibilidade de formalizar as dúas prórrogas previstas, desde a Concellería de Benestar Social acordouse non proceder a súa execución debido á necesidade de actualizar o novo contrato ás necesidades do concello, polo que resultaba necesario iniciar unha nova contratación que permitise regular a prestación do servizo. A empresa adxudicataria do servizo de axuda a domicilio obxecto do presente contrato viña prestando, de maneira estimativa, un total de 50.567 horas anuais de servizo. Dadas as características do servizo e en aras de garantir que a contratación se axuste aos principios de liberdade de acceso ás licitacións, publicidade e transparencia dos procedementos, non discriminación e igualdade de trato entre os candidatos, e de asegurar o obxectivo de estabilidade orzamentaria e control do gasto, considérase como procedemento de licitación mais idóneo e adecuado o procedemento aberto, oferta económica máis vantaxosa, varios criterios de adxudicación e tramitación ordinaria. A duración inicial do novo contrato será de dous anos podendo prorrogarse anualmente por dous anos máis ata un máximo de catro anos (incluído período inicial e prórrogas). O orzamento máximo de licitación para a duración inicial do contrato ascende a 1.846.310,55 euros, mais IVE do 4%, o que fai un importe total de 1.920.162,98 euros. En canto ao valor estimado do contrato este ascende a 4.754.249,68 euros. Deste xeito, a Corporación municipal deberá aprobar, se procede, o expediente de licitación do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Ames.

Limpeza viaria e xestión do punto limpo
A Corporación municipal, cos votos a favor do grupo de goberno e do concelleiro de Ciduadanos, José Ramón Oulego, e a abstención do concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, e o grupo municipal do PP, tamén aprobou a revisión ordinaria do prezo do canon principal e tamén do canon da ampliación do contrato de limpeza viaria, co fin de actualizar o seu importe ao IPC a 31 de decembro de 2018, así como aos incrementos salariais segundo o Convenio Colectivo do Persoal. Aprobouse así a revisión de prezos para o exercicio 2019, o que supón un coeficiente de actualización de 1,1737% para o canón principal (a actualización producirá efectos dende o 1 de xaneiro de 2019) e de 1,20% para o canón de ampliación (a actualización producirá efectos dende agosto de 2019 ata xullo de 2020). O custe mensual con IVE pasará a ser de 54.916,19 euros, mentres que o importe dos atrasos ascende a 5.910,28 euros. O importe dos atrasos facturarase pola empresa concesionaria, de forma independente á facturación mensual.

Agrupación de Voluntarios de Protección Civil
Outro dos asuntos que saíu adiante, por unanimidade, foi a proposta de modificación da porcentaxe de financiamento da subvención nominativa á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Ames recollida na bases de execución do orzamento municipal 2019, por razóns de excepcional interese público, pasando a financiarse o custo total do proxecto da subvención nominativa recollida no orzamento municipal de 2019 para esta agrupación. O Concello soamente podería subvencionar o 80% dos custes de funcionamento da Agrupación; sen embargo, neste caso debe terse en conta que a Agrupación non dispón de outros recursos públicos ou privados que lle permitan facer fronte ao 20% restante da súa actividade e polo tanto non poderían xustificar a porcentaxe do 20%. Esta agrupación ten asignada unha subvención nominativa de 17.000 euros para gastos de funcionamento.

Delegación de competencias en materia tributaria
O Pleno acordou igualmente, cos votos a favor do grupo de goberno e a asbtención de PP, o concelleiro de Ciudadanos e o concelleiro de Ames Novo, a revogación parcial do acordo de delegación de competencias en materia tributaria na Deputación Provincial de A Coruña. Esta revogación afecta a xestión, inspección e recadación voluntaria da taxa pola utilización privativa ou aproveitamentos especiais constituídos no solo, subsolo e voo das vías públicas, a favor de empresas explotadoras de servizos de subministros e interese xeral, tanto o suposto xeral do artigo 24 do Texto Refundido da Lei reguladora das facendas locais, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, baseado no 1,5% dos ingresos brutos obtidos no termo municipal, como ao suposto especial da telefonía móbil. Tamén afectará á recadación voluntaria das seguintes taxas de carácter periódico anual e notificación colectiva mediante padrón: a taxa por instalacións de postos, barracas, casetas de venda, espectáculos, atraccións ou recreo, situados en terreo de uso público municipal, así como industrias na rúa e ambulantes e rodaxe cinematográfico; taxa pola entrada de vehículos a través das beirarrúas e por reserva da vía pública para aparcadoiro exclusivo, carga e descarga de mercadorías de calquera clase; e a taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos, con finalidade lucrativa.

Outros acordos
En materia de recadación tamén se aprobou, cos votos a favor do grupo de goberno, a abstención dos concelleiros de Ciudadnos e Ames Novo e o voto en contra do PP, a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre construcións, instalación e obras e maila ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre bens inmobles. Ademáis, o Pleno resolveu, por unanimidade, dous expedientes de investigación patrimonial: dun camiño no lugar de Buceleiras (Bugallido) e doutro camiño no núcleo de Outeiro (Bugallido). En ambos casos, a Corporación municipal declarou os dous viarios como bens de dominio privado. Esta proposta fíxose despois de desenvolver un expediente de investigación patrimonial de ditos camiños. Ademais, tamén se aprobou por unanimidade un expediente de deslinde sobre un camiño na Ponte Nova (Agrón) e a inscrición no Rexistro da Propiedade do deslinde referenciado e no Inventario de Bens do Concello.

Mocións
A Corporación municipal aprobou, coa abstención do concelleiro de Ciudadanos Josee Ramon Oulego, e o voto en contra do concelleiro de Ames Novo e o Partido Popular, unha moción presentada por vía de urxencia polo grupo de goberno relativa á primeira fase dos orzamentos participativos deste ano, en función do superávit da liquidación de 2018. O importe da anualidade para desenvolver os proxectos ascende a 122.819,97 euros, con partidas destinadas a parques e xardíns na parroquia de Bugallido; á ampliación e reparación de estradas e camiños nas parroquias de Tapia, Ames, Ortoño e Ameixenda; ou para o acondicionamento dos locais sociais de Agrón, Lens e Trasmonte. Inclúense tamén dúas partidas para a mocidade, co fin de construir dous anfiteatros, un no Milladoiro e outro no lugar de Lapido, preto de Bertamiráns, para organizar festas, teatro e cine ao aire libre.

Asemade, non chegou a debatirse unha moción in voce presentada polo grupo municipal do Partido Popular, relativa aos Servizos Complementarios do Concello. Dende o grupo de goberno advertiuse que o asunto que se pretendía debater tratábase dun rogo e que polo tanto debería ser tratado como tal no apartado de control de goberno e non como unha moción, situación que provocou que os concelleiros e concelleiras do PP abandonasen a sesión.

Regulamento de participación
Por primeira vez no Concello de Ames houbo unha participación por parte da veciñanza conforme ao regulamento aprobado na lexislatura anterior. A proposta de palabra foi como rogo que cumpriu os requisitos exixidos no novo regulamento. A presidente da Anpa do CEIP A Maía formulou en dous minutos o rogo relativo ao acompañamento dos nenos e nenas que teñen actividades deportivas no Pavillón de Bertamiráns, facendo bo ese novo procedemento administrativo para que os veciños e as veciñas individualmente, e/ou as entidades veciñais inscritas no rexistro municipal do Concello de Ames, poidan intervir nas sesións do Pleno municipal. Dende a Anpa da Maía solicitabase manter o servizo de acompañamento para os 42 nenos e nenas que desenvolven actividades no Pavillón de Bertamiráns despois do servizo de comedor. Dende o goberno municipal deuse resposta detalada sobre os diferentes aspectos que se sinalaban e trasladouse a información relativa ao regulamento que non contempla dita posibilidade.

 

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El pleno da luz verde a la licitación del Servizo de Axuda no Fogar de Ames "

Lindeiros: "O goberno de Ames recupera a xestión de impostos e sube o IBI e o ICIO"

pleno outubro

Multimedia

  • pleno outubro 1
  • pleno outubro 2
  • pleno outubro 3
  • pleno outubro 4