[17-08-2018] A Xunta de Goberno Local procedeu a aprobación do inicio do expediente de contratación, mediante procedemento aberto, das obras acceso á Carreira e viais no núcleo de Pedras, na parroquia de Ames, cun orzamento de 179.247,73 euros, e dos traballos de pavimentación de viais en Fraíz e A Moniña, na parroquia de Biduído, cun orzamento de 151.305,01 euros. Estas actuacións están incluídas no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concello) “POS+2018” da Deputación da Coruña.
O proxecto de acceso á Carreira e viais no núcleo de Pedras, na parroquia de Ames, pretende a mellora da capa de rodaxe dun acceso, dividido en catro treitos, así como un sobreancho con cinco centímetros de aglomerado en quente, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes, e previo emprego de dez centímetros de zahorra, dez de grava e tratamento asfáltico semiprofundo.
Ademais, o proxecto contempla a pavimentación de viais interiores, divididos en nove treitos, con cinco centímetros de zahorra e doce de formigón, previa demolición, nivelación e compactación do pavimento existente. Tamén se inclúe a execución de 474 metros e cuneta de seguridade revestida de formigón, baixo a que se canalizará tubaría de PVC de 315 mm de diámetro e se executarán 12 arquetas con sumidoiro para a recollida de augas pluviais, previa escavación de zanxa e posterior recheo compactado da mesma. Finalmente, contémplase a limpeza de gabias e salvagabias e a execución de 16 metros de caz de formigón con reixa para drenaxe, a sinalización horizontal con pintado de liñas en bordes e símbolos e unha partida para adaptación de pozos e arquetas á nova rasante.
Os case 180.000 euros de investimento contarán cun prazo de execución de 6 meses.
Pavimentación en Fraíz e A Moniña
O proxecto de pavimentación en viais en Fraíz e A Moniña, na parroquia de Biduído, contempla nun primeiro momento a pavimentación no lugar de Fraíz, dividido en sete treitos, coa reposición do paquete de firme con cinco centímetros de zahorra e doce de formigón, previa demolición, nivelación e compactación do pavimento existente. Preténdese tamén a execución de 90 metros de cuneta de seguridade revestida de formigón, baixo a que se canalizará unha tubaría de PE corrugado de 315 mm de diámetro, e a execución de 3 arquetas con sumidoiro e 10 metros de caz de formigón con reixa para canalización de augas pluviais.
A pavimentación de viais na Moñiña está dividida en cinco treitos, coa reposición do paquete de firme con cinco centímetros de zahorra e doce de formigón, previa demolición, nivelación e compactación do pavimento existente. Preténdese tamén a pavimentación de dous sobreanchos con quince centímetros de zahorra e doce de formigón. A actuación contempla igualmente a execución de 180 metros de cuneta de seguridade revestida de formigón, baixo a que se canalizará unha tubaría de PVC de 315 mm de diámetro, e a execución de 10 arquetas con sumidoiro para canalización de augas pluviais. O importe total destas obras será superior ao 150.000 euros e o prazo de execución serán 6 meses.
O Concelleiro de obras e urbanismo, Blas García, afirma que “o Concello ten aprobada unha inversión de 1 millón e medio de euros para adecuación de pistas do rural que teñen moita necesidade e urxencia e que esperamos complementar co seguinte plan de obras”.