Pestanas principais

Aprobada a licitación de 40 actuacións de mellora da seguridade viaria no rural amesán por 120.000 euros

Xoves, 28 de xullo de 2022

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar un conxunto de 40 actuacións no rural amesán relacionadas coa seguridade viaria, un dos investimentos incluídos nos Orzamentos Participativos de 2020, e que conta cun presuposto base de 120.000 euros. O proxecto, parte do Plan Ames Progresa 2021-2023, inclúe a instalación de elementos de seguridade, como bandas sonoras ou espellos, a colocación de novos sinais verticais, o pintado de estradas e de pasos de peóns, ou a mellora de firmes e a limpeza de gabias.

O Concello de Ames continúa o seu investimento en seguridade viaria e nas infraestruturas do rural amesán, nesta ocasión cun amplo proxecto de mellora que inclúe as once parroquias do concello, con ata 40 actuacións en materia de sinalización, instalación de elementos de seguridade, pintado, mellora da capa de rodaxe e limpeza de gabias. A actuación, aprobada pola Xunta de Goberno Local neste mes de xullo, conta cun orzamento inicial de 119.428,85 euros, incluídos no Plan Ames Progresa 2021-2023.

A proposta para un proxecto de mellora da seguridade viaria para as parroquias de Ames vén das votacións dos Orzamentos Participativos de 2020, na que o rural contaba cunha partida duns 120.000 euros. Daquela, esta actuación fora a opción máis votada pola veciñanza, o que amosou a necesidade de traballar para reducir e minimizar os riscos e mellorar a seguridade viaria nas parroquias e lugares amesáns.

40 actuacións nas once parroquias de Ames

Neste senso, o proxecto engloba unha serie de reformas nas once parroquias do concello. Agrón contará con sete melloras, como a colocación de dous espellos convexos, na Garea e na estrada Garea – Calo; a instalación de dous lombos de asno, en Arufe; unha sinal de estrada sen saída, no Galiñeiro; dous treitos de barreiras de seguridade, en Sandar e na Garea, e a reparación de fochancas ao longo da parroquia.

No caso da Ameixenda, haberá catro actuacións, que inclúen o pintado de catro pasos de peóns en Cortegada e Quintáns e a colocación dunha sinal de stop nesa mesma zona, ademais da execución de dous lombos de asno e de dúas sinais de dirección na estrada que conecta a parroquia con Tapia.

Pola súa banda, a parroquia de Ames contará con tres melloras, como un novo stop, no viario de Barouta a Pedrouzos; a colocación de 16 paneis en curva no viario do Lombao á Ameixenda, e dun espello convexo en Pousada.

Na parroquia de Biduído actuarase en sete puntos, con seis novos pasos de peóns elevados en Raíces e nas estradas Casanova – Biduído de Abaixo e Biduído de Arriba – Ventín; un novo sinal de stop, na Agriña; a execución de dous lombos de asno, na estrada Fraíz – Costoia; e a colocación de catro sinais de limite de velocidade, nas estradas Casanova – Biduído de Abaixo e Casanova – A Igrexa.

Por outra parte, en Bugallido executaranse cinco obras, que inclúen o pintado de nove pasos de peóns; a colocación de seis lombos de asno en Quistiláns, Guimaráns e na estrada Guimaráns – Biduído, e a instalación dun sinal de paso prioritario.

En Covas realizaranse tres proxectos. Pintarase a estrada Bertamiráns – O Lombao, e sinalizaranse os pasos de peóns da vía, ademais do pintado dun novo paso para peóns no propio lugar do Lombao.

Ademais, a parroquia de Lens contará cunha mellora no lugar de Lens, no que se colocarán tres espellos convexos para o tráfico.

A parroquia de Ortoño contará tres novas actuacións, como a execución de dous lombos de asno, en Lapido; a colocación dunha barreira de seguridade, no Instrumento, ou o pintado dun paso de peóns, en Ortoño.

Por outra parte, a estrada A Igrexa – Vilaverde, na parroquia de Piñeiro, vai gozar de dúas actuacións, coa mellora do seu firme e a limpeza das súas gabias, ademais da instalación de dous sinais de stop.

No caso da parroquia de Tapia, haberá catro melloras. Colocaranse dúas sinais de dirección na estrada a Tapia; instalaranse dúas bandas sonoras no Galiñeiro; mellorarase a capa de rodaxe e limparanse as gabias da estrada á Ameixenda, e colocaranse alí dous sinais de curva perigosa e dous paneis direccionais en curva.

Por último, en Trasmonte actuarase no lugar de Suevos, onde se aumentará o ancho da vía e se procederá á canalización de pluviais.

Investimento para mellorar a seguridade viaria

O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explicou que “este investimento de preto de 120.000 euros, que permitirá mellorar a seguridade viaria nas 11 parroquias de Ames, é un compromiso que tiñamos adquirido coas asociacións veciñais do rural, a través dos Orzamentos Participativos, e que trataremos de executar o antes posible”.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, destaca que “damos cumprimento ao compromiso adquirido coa veciñanza do rural nos Orzamentos Participativos, que amosaron que a seguridade no noso rural era unha das problemáticas que máis lles preocupa. Desenvolverase un proxecto que identifica os problemas de seguridade viaria no rural nas 11 parroquias e poranse en marcha numerosas actuacións para mellorala: sinalización, pintado pasos peóns, colocación de espellos, barreiras de seguridade, etc”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Licitadas 40 actuacións para aumentar no rural de Ames a seguridade viaria"

Enfoques: "El Concello de Ames destinará 120.000 euros a 40 obras de mejora de carreteras en el rural"

AMSGO!: "Orzamentos Participativos. Licitadas 40 actuacións de mellora da seguridade viaria no rural amesán por 120.000 euros"

Imaxe do lugar do Instrumento, onde se vai instalar unha barreira de seguridade

Multimedia

  • Aprobada a licitación de 40 actuacións de mellora da seguridade viaria no rural amesán por 120.000 euros
  • Aprobada a licitación de 40 actuacións de mellora da seguridade viaria no rural amesán por 120.000 euros
  • Aprobada a licitación de 40 actuacións de mellora da seguridade viaria no rural amesán por 120.000 euros