Pestanas principais

Aprobada a licitación das obras nas pistas municipais de Montemaior a Cortegada e de Covas por 59.000 euros

Xoves, 11 de agosto de 2022

A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado xoves 28 de xullo o expediente de licitación das melloras nos camiños de Montemaior a Cortegada, na Ameixenda, e na parroquia de Covas. O proxecto, cun orzamento base de 58.936 euros, está incluído no Plan de mellora de camiños 2022-2023 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), e inclúe reformas ao longo de preto de quilómetro e medio de viarios de titularidade municipal.

As infraestruturas do rural amesán van gozar dunha nova mellora, desta vez con dúas actuacións nas pistas de Montemaior a Cortegada e de Covas. O Concello de Ames vén de aprobar este proxecto a finais de xullo, que conta cun orzamento inicial de 58.936,68 euros a repartir entre ambas obras, e que está incluído no Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023 de Agader.

As melloras realizaranse en dous lotes, que se corresponden ás dúas áreas de actuación nas parroquias da Ameixenda e de Covas. Por unha banda, no viario de Montemaior a Cortegada preténdese a ampliación dos 465 metros da pista, aumentando 50 centímetros a cada marxe ao abrir o terreo e cubrilo con capas de saburra, pedra e pavimento. Ademais, na superficie actual xa asfaltada reformarase a capa de rodaxe e repararanse as fochancas. Esta parte da obra, que conta cun orzamento de 36.895,89 euros, rematarase coa sinalización horizontal e a colocación dun sinal de stop.

Por outra parte, o segundo lote inclúe unha serie de tres treitos de 1.030 metros en Covas, cun orzamento de 22.040,79 euros. No primeiro treito, xa asfaltado, repararanse as fochancas, perfilaranse as mordentes e aplicarase tratamento asfáltico e de selado. Nos outros dous, pavimentados con saburra, procederase á apertura de caixa e á reposición do pavimento cunha nova capa de saburra artificial. Ademais, no entronque do terceiro treito empregarase un pavimento de 15 centímetros de pedra. Finalmente, colocaranse dous sinais de stop.

Estas obras súmanse a outros proxectos aprobados recentemente polo Concello de Ames relacionados coas infraestruturas e a seguridade viaria no rural. Neste senso, foron licitadas por 119.428,85 euros un conxunto de 40 actuacións no rural, incluídas nos Orzamentos Participativos de 2020. Ademais tamén se aprobaron o asfaltado das vías de acceso e dos interiores do núcleo das Punxeiras, cun orzamento base de 175.148,95 euros, ou as obras de asfaltado dos interiores do núcleo do Instrumento e da parte norte de Lapido, por 183.286,40 euros, as tres parte do Plan Ames Progresa 2021-2023.

O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, destacou a importancia de “dotar de servizos ao rural para conseguir fixar poboación e facer que os nosos núcleos sexa lugares atractivos para vivir”. “Está máis que demostrado o compromiso deste Goberno co rural amesán, para o que vimos traballando e mellorando nos últimos anos cun investimento superior aos dous millóns de euros en obras de pavimentacións, e ao que hai que sumar o millón e medio de euros no plan de mellora do alumeado público”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames acometerá mejoras viarias en pistas de Covas y A Ameixenda"

El Correo Gallego: "Mejorarán un kilómetro y medio de caminos sitos en A Ameixenda y Covas"

AMSGO!: "A licitación as obras nas pistas municipais de Montemaior a Cortegada e de Covas por 59.000 euros"

Aprobada a licitación das obras nas pistas municipais de Montemaior a Cortegada e de Covas por 59.000 euros

Multimedia

  • Obras no viario de Montemaior a Cortegada
  • Obras na parroquia de Covas
  • Obras na parroquia de Covas