Pestanas principais

Aprobada a adxudicación das obras de reparación do camiño de Castelo a Vilar, na parroquia de Ames

Xoves, 23 de abril de 2020

O Concello de Ames, a través de decreto da alcaldía, ven de aprobar a adxudicación das obras de reparación do camiño de Castelo a Vilar, na parroquia de Ames. O proxecto, incluido no POS 2019, foi adxudicado á empresa Asfalgal Técnicas Viarias SL por un importe de 101.173,18 euros. A duración inicial do contrato será de 6 meses, a partir do día seguinte ó da sinatura da acta de comprobación do replanteo.

O Concello de Ames acordou, desde a primeira semana do estado de alarma, a realización de mesas de contratación de xeito telemático, de cara a poder seguir cos procedementos que se atopaban nalgunha das fases de contratación. Ao longo deste último mes continuouse cos trámites daqueles servizos ou obras nos que os licitadores amosaron o seu consentimento á continuidade dos procedementos, co obxectivo de ir adiantando tales expedientes.

O camiño de Castelo a Vilar, na parroquia de Ames, conta cunha lonxitude total de 4.350 metros. O proxecto recolle a súa reparación naqueles treitos mais deteriorados, mediante o emprego de cinco centímetros de aglomerado en quente previo fresado do pavimento existente. Preténdese, así mesmo, a execución de 200 metros de cuneta de seguridade revestida de formigón, baixo a que se canalizará tubería de PVC de 315 mm. de diámetro e executaranse 5 arquetas con sumidoiro para recollida de augas pluviais, previa escavación de zanxa e posterior recheo compactado da mesma. Os traballos completaranse coa limpeza de gabias e salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal; a sinalización horizontal con pintado de liñas en bordes en toda a lonxitude do vial e símbolos; e unha partida para entronques a redes existentes.

O departamento de contratación traballa desde casa con teletraballo e coas ferramentas necesarias que se puxeron a disposición do persoal municipal nas dúas primeiras semanas e habilitouse o uso das mesas de contratación en remoto de xeito telemático a través da propia plataforma de contratación do Estado.

Para o Goberno municipal "é imprescindible, nestes momentos, poder seguir tramitando os procedementos de contratación de cara a que as empresas poidan continuar coa súa actividade. Desde o Concello queremos poder levar a cabo o noso compromiso co sector empresarial na reactivación da economía que será tan necesaria".

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Adxudican obras de saneamento en Trasmonte e no camiño amesá de Castelo a Vilar"

lugar de castelo

Multimedia

  • castelo