Pestanas principais

A APLU velará polo uso correcto do territorio e a protección da paisaxe no concello de Ames

Venres, 30 de outubro de 2020

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) será a encargado de velar pola legalidade urbanística e o control das posibles infraccións que se cometan neste eido no Concello de Ames. O alcalde de Ames e maila conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asinaron esta mañá o convenio en virtude do cal Ames delega na APLU as súas competencias en materia de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística.

O alcalde de Ames, Jose Miñones, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinaron esta mañá o convenio en virtude do cal Ames se suma ao listado de concellos que delegan na APLU parte das súas competencias; xunto cos concellos de Guitiriz e O Rosal -que tamén asinaron esta mañá o convenio de colaboración- polo que xa son 89 as Administracións locais galegas que están adheridas á APLU.

O alcalde e concelleiro de Urbanismo, Jose Miñones, explica que “a adhesión a esta entidade permitiralle ao Concello de Ames descargar gran parte do traballo na APLU, sobre todo os expedientes relativos á inspección, restauración da legalidade e sanción en materia de urbanismo”.

O Concello de Ames ten que tramitar ao longo do ano un gran número de expedientes de urbanismo e conta con pouco persoal, polo que o traballo que desenvolva a APLU será de gran axuda para o departamento municipal de Urbanismo. O Concello terá que aboar unha cota fixa anual de 11.000 euros por adherirse a dito organismo.

Tras a sinatura, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, explicou que, en virtude destes convenios, os concellos ceden as competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística relativas a obras que se executen sen licenza nas seguintes clases de solo: en solo rústico ou non urbanizable, en solo urbanizable ou apto mentres non sexa aprobado o correspondente planeamento de desenvolvemento, e en núcleos rurais delimitados no PXOM.

En 2019 diminuíu o número de expedientes resoltos
Pola súa parte, a APLU comprométese a transferir ás entidades locais adheridas un 10% do produto das multas coercitivas e das sancións que impoña. Neste sentido, a conselleira felicitou ao alcalde pola decisión xa que, lembrou, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística é un ente que está ao servizo dos concellos co único fin de garantir a protección do territorio e o respecto á legalidade vixente.

O obxectivo da Xunta é seguir incorporando máis concellos, ao tempo que se incrementa a colaboración cos que xa están adheridos porque os resultados amosan que a actuación conxunta entre a APLU e os concellos é sinónimo de éxito. A modo de exemplo, cómpre lembrar que en 2019 baixou o número de expedientes resoltos, o que denota un aumento da concienciación da poboación, e un exercicio máis o número de execucións subsidiarias –é dicir, as realizadas polos propios particulares-, foi dun 95%.

El Correo Gallego: "Entra la capital maiana en la agencia que protege la legalidad urbanística"

La Voz de Galicia: "Ames delega en la Axencia Urbanística la inspección y sanción de obras sin licencia"

Imaxe da sinatura do convenio da APLU

Multimedia

  • Imaxe da sinatura do convenio da APLU