Pestanas principais

Ao longo desta semana desenvolveranse as obras de mellora do firme da rúa Alcalde Lorenzo

Mércores, 07 de setembro de 2016

[07-09-2016] O Concello de Ames informa á veciñanza de que ao longo desta semana realizaranse obras de mellora do pavimento na estrada DP-0205, que conecta coa rotonda de Bertamiráns norte pola rúa Alcalde Lorenzo. Un semáforo instalado nas obras regulará o tráfico durante estes días e prevense cortes puntuais do tráfico. A Policía Local recomenda aos condutores evitar a zona, así como o estacionamento na rúa Alcalde Lorenzo, tanto para previr algún dano nos vehículos como para facilitar o avance das obras.

Na actualidade estanse realizando traballos de fresado do asfalto en varias zonas da estrada provincial DP-0205. Posteriormente, vaise proceder á mellora do firme desta vía coa aplicación dunha capa de aglomerado. O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, explica que “principalmente vaise actuar no carril dereito de dita estrada dirección A Tarroeira, xa que é o que ten o pavimento máis danado despois das obras realizadas en 2014 para a substitución do colector de saneamento situado na rúa Alcalde Lorenzo”.

Por outra banda, nesta mesma actuación vaise a elevar o paso de peóns que se atopa na Alcalde Lorenzo á súa entrada en Bertamiráns, dirección AC-543 (PK0,2 aproximadamente). Estes traballos, que están incluídos dentro do plan de mantemento da Deputación provincial da Coruña, teñen o obxectivo de mellorar a seguridade viaria neste punto da estrada provincial DP-0205. Asemade, vaise a elevar o paso de peóns que está nas inmediacións da rotonda situada diante do CEIP Agro do Muíño, no lugar de As Cortes, na parroquia de Ortoño.

Estas actuacións realízanse despois da solicitude feita polo Concello de Ames ante o servizo de Vías e Obras da Deputación da Coruña, para poñer en coñecemento desta administración a existencia de dous puntos conflitivos e perigosos na estrada DP-0205. Deste xeito, preténdese minorar a velocidade dos vehículos nestes dous puntos e mellorar a seguridade viaria tanto de peóns como dos propios condutores.