Pestanas principais

Anúnciase a composición do xurado e os emparellamentos da fase local do Club de Debate que se disputará o venres 8 en Negreira

Xoves, 07 de abril de 2016

[07-04-2016] A composición da mesa do xurado da fase Ames, Negreira, Teo do Club de Debate 2016 xa foi anunciada, así como os resultados do sorteo de emparellamento dos seis equipos escolares participantes. Socorro García, Antonio López, David Otero e Luz Zas e Olalla Liñares, presidenta da mesa, serán os encargados de analizar as exposicións. O encontro celebrarase o vindeiro venres, 8 de abril, no Auditorio de Negreira. Os equipos debaterán sobre se Galicia pode vivir ou non do sector primario.

A xornada comeza pola mañá, ás 9:15 horas, coa recepción das persoas participantes e a entrega das acreditacións ás alumnas e alumnos. Ás 9:45 daráselles a benvida aos seis grupos de rapazas e rapaces e aos membros do profesorado que os acompañan. O primeiro debate, que comeza ás 10:00 horas, protagonízano o grupo 2 do IES Xulián Magariños e o grupo OS Miudiños, do IES Plurilingüe de Ames. No segundo, ás 10:50 horas, enfrontaranse o grupo Nexos do IES Plurilingüe de Ames e o Grupo 1 do IES Xulián Magariños. Tralas pausa das 11:40 terán lugar os últimos encontros da mañá: o do grupo do IES do Milladoiro co grupo Alibabá e os 9 ladróns do IES Plurilingüe de Ames ás 12:10 e á do grupo Miudiños co grupo Nexos, ambos do IES Plurilingüe de Ames, ás 13:00 horas.

Unha vez rematado o xantar terán lugar os dous encontros que pecharán esta xornada de debate. Ás 16:00 horas enfrontaranse o grupo Alibabá e os 9 de ladróns, do IES Plurilingüe de Ames co grupo 2 do IES Xulián Magariños. O derradeiro encontro será o do grupo 1 do IES Xulián Magariños co grupo do IES do Milladoiro. Ás 18:00 horas o xurado fará entrega dos premios aos mellores grupos desta fase comarcal de debate. Os dous mellores grupos accederán ademais á fase provincial do Club de Debate.

Os membros do xurado proveñen do ámbito xurídico, do xornalismo, da normalización lingüística e do ensino. Socorro García Conde traballa como técnica do Servizo de Normalización Lingüística de Santiago de Compostela, Antonio López é catedrático de Dereito Financeiro da USC, David Otero é profesor no IES da Estrada e escritor, Luz Zas é profesora de Lingüística na USC, Olalla Liñares é xornalista. Algúns dos membros da mesa, como Luz Zas ou Olalla Liñares, xa teñen experiencia neste tipo de xurado doutras edicións do Club de Debate.

Contido relacionado


La Voz de Galicia:"Negreira convence máis que Ames"