- Tematica
A Xunta de Goberno Local do pasado 16 de novembro aprobou a concesión de axudas para as actividades organizadas polas ANPAs dos centros educativos municipais en 2022 e 2023. As subvencións ascenden a un total de 40.000 euros, que permitirán apoiar as diversas propostas das asociacións tales como viaxes, actividades extraescolares ou a organización de encontros e xornadas.
O Concello de Ames vén de aprobar estas axudas bianuais, que buscan axudar a facer fronte aos gastos das ANPAs amesás e apoialas na organización de novos proxectos e actividades. A convocatoria, aprobada na Xunta de Goberno Local e publicado no BOP en xuño de 2023, conta cun total de 40.000 euros de orzamento, con 20.000 euros reservados para cada anualidade.
Finalmente, para as actividades levadas a cabo durante o exercicio 2022, a Concellería de Educación concedeu 20.000 euros, repartidos do seguinte xeito: A ANPA do CEIP Agro do Muíño recibirá 3.427,13 euros; a ANPA As Brañas do CEP de Ventín, 3.281,03 euros; a ANPA da Escola Infantil A Madalena, 750 euros; a ANPA do IES Plurilingüe de Ames, 3.427,13 euros; a ANPAMILLA, do IES do Milladoiro, 3.427,13 euros; a ANPA MILLAPEQUES, da Escola Infantil do Milladoiro, 1.628,03 euros; a ANPA do CEIP A Maía, 2.059,55 euros; e a ANPA San Mauro, do CEIP de Barouta, 2.000 euros.
Ademais, para o ano 2023 concedéronse outros 20.000 euros ás seguintes asociacións: A ANPA do CEIP Agro do Muíño obterá 3.265,12 euros; a ANPA As Brañas do CEP de Ventín, 3.265,12 euros; a ANPA da Escola Infantil A Madalena, 750 euros; a ANPA do IES Plurilingüe de Ames, 3.265,12 euros; a ANPAMILLA, do IES do Milladoiro, 3.265,12 euros; a ANPA MILLAPEQUES, da Escola Infantil do Milladoiro, 2.004,40 euros; a ANPA do CEIP A Maía, 1.920 euros; e a ANPA San Mauro, do CEIP de Barouta, 2.265,12 euros.
Cómpre lembrar que estas axudas viñan marcadas por un límite de importe máximo que dependía do tamaño do centro escolar e do número de ANPAs de cada escola, colexio ou instituto. Deste xeito, os centros públicos cun alumnado superior ás 500 persoas podían optar a un máximo de 3.000 euros; os de 150 a 500 persoas, a 2.000 euros, e os centros de menos de 150 persoas, a 750 euros. Porén, unha vez os centros xustificaron os seus gastos, o orzamento restante desta división foi repartido entre eles para dotalos dunha maior liquidez.
A concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto, eloxiou o papel que realizan estas asociacións nos centros amesáns. “Estamos moi agradecidos polo seu esforzo e agardamos que esta achega permita dotalas de maior liquidez para realizar actividades nos colexios, así como dispor de financiamento suficiente para ampliar a súa programación”.