Pestanas principais

As ANPAs de Ames recibirán 24 mil euros en subvencións para actividades realizadas en 2020 e 2021

Mércores, 16 de marzo de 2022

A Xunta de Goberno Local do pasado xoves 10 de marzo aprobou a concesión de axudas para as actividades levadas a cabo polas ANPAs dos centros educativos amesáns nos exercicios 2020 e 2021. En total, as subvencións ascenden aos 24.085,97 euros, que servirán para apoiar as diferentes propostas das asociacións, como viaxes culturais, actividades extraescolares ou a organización de encontros e xornadas.

O Concello de Ames vén de aprobar estas axudas bianuais, que buscan contribuír a sufragar os gastos das ANPAs amesás e apoialas na organización de novas propostas e actividades. A convocatoria, aprobada na Xunta de Goberno Local e publicada no BOP en novembro de 2021, contaba cun total de 40.000 euros de orzamento, con 20.000 euros reservados para cada anualidade.

Finalmente, para as actividades levadas a cabo durante o ano 2020, a Concellaría de Educación concedeu 12.516,89 euros, repartidos do seguinte xeito: A ANPA do CEIP Agro do Muíño recibirá 3.000 euros; a ANPA As Brañas do CEP de Ventín, 3.000 euros; a ANPA da Escola Infantil A Madalena, 352 euros; a ANPA do IES Plurilingüe de Ames, 385,86 euros; a ANPAMILLA, do IES do Milladoiro, 3.000 euros; a ANPA MILLAPEQUES, da Escola Infantil do Milladoiro, 779,03 euros; e a ANPA San Mauro, do CEIP de Barouta, 2.000 euros.

Ademais, para o exercicio 2021 concedéronse outros 11.569,08 euros ás seguintes asociacións: A ANPA do CEIP A Maía obterá 747,60 euros; A ANPA do CEIP Agro do Muíño, 974 euros; a ANPA As Brañas do CEP de Ventín, 2.494,24 euros; a ANPA da Escola Infantil A Madalena, 750 euros; a ANPA do IES Plurilingüe de Ames, 2.082,54 euros; a ANPAMILLA, do IES do Milladoiro, 2.510,92 euros; a ANPA MILLAPEQUES, da Escola Infantil do Milladoiro, 235,18 euros; e a ANPA San Mauro, do CEIP de Barouta, 1.774,60 euros.

Cómpre lembrar que estas axudas viñan marcadas por un límite de importe máximo que dependía do tamaño do centro escolar e do número de ANPAs de cada escola, colexio ou instituto. Deste xeito, os centros públicos cun alumnado superior ás 500 persoas podían optar a un máximo de 3.000 euros; os de 150 a 500 persoas, a 2.000 euros, e os centros de menos de 150 persoas, a 750 euros.

O concelleiro de Educación e Axenda Urbana, David Santomil, gabou o papel que realizan estas asociacións nos centros amesáns. “Os anos 2020 e 2021 estiveron marcados pola pandemia, pero iso non impediu que as ANPAs seguiran a realizar un importante traballo na comunidade educativa dos centros públicos. Estamos moi agradecidos polo seu esforzo e agardamos que esta achega económica permita dotalas de maior liquidez para afrontar as actividades que xa están a recuperar nos colexios, así como dispor de financiamento para ampliar a súa programación neste curso escolar e no seguinte.”

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Axudas para as actividades das ANPA en 2020 e 2021"

Enfoques: "Las Ampas de Ames recibirán 24.000 euros para actividades realizadas en 2020 y 2021"

Imaxe do CEIP A Maía