[26-01-2011] A Asociación de Nais e Pais Millapeques da Escola de Educación Infantil do Milladoiro programou para mañá un novo 'Café en familia'. Con esta iniciativa os pais e nais dos alumnos poden poñer en común de novo as súas opinións e inquietudes sobre o coidado e a crianza de cativos de tan curta idade. Nesta ocasión a charla xirará arredor dos límites na educación dos nenos e contará coa presenza da psicóloga Milagros Lorenzo Méndez.
Os pais e nais de alumnos da Escola de Educación Infantil do Milladoiro teñen unha nova oportunidade para compartir experiencias, opinións e preocupacións a respecto do coidado dos seus nenos. A iniciativa 'Café en familia' da ANPA Millapeques volve mañá mércores 26 para dar aos proxenitores a oportunidade de participar neste foro onde achegar e aprender novas ideas mentres os seus fillos se divirten cun servizo de gardería lúdico que inclúe todo tipo de xogos.
O 'Café en familia' terá lugar mañá mércores ás 16:00 horas no parque infantil Squash do Milladoiro. Nesta ocasión o tema arredor do que xirará a actividade será o establecemento de límites na educación dos pequenos e a súa importancia de cara á maduración persoal. Para orientar e informar sobre o tema contarase coa presenza de Milagros Lorenzo Méndez, psicóloga clínica e psicomotricista que traballa no programa de "Adopcións especiais" da Fundación Faibén e a Xunta de Galicia e é a responsábel do "Programa de psicomotricidade" do Concello de Ames.
A iniciativa 'Café en familia' xorde ante a falta doutras fórmulas de formación. Nos tres anos que o centro leva aberto, a única maneira que tiñan os pais e nais do alumnado que cursa os seus estudos neste centro de intercambiar opinións e experiencias eran os encontros nas horas de entrada ou saída do centro, ou as conversas en paradas de autobús. A través desta actividade que tivo a súa primeira edición o pasado 24 de novembro ponse solución a este problema, poñendo en común os coñecementos de todos os proxenitores e dos avós e avoas que coidan aso seus netos. Non se esquece, ademais, a necesidade de coidado dos fillos durante a propia actividade.