[07-11-2013] Este venres 8 de novembro, ás 19:00 horas, o salón de actos do IES do Milladoiro acollerá unha charla na que tres rapaces da contorna do Milladoiro contarán a súa experiencia tras pasar un ano académico nun High School en Estados Unidos. Xunto a eles participará unha profesora do IES do Milladoiro, que conta con varios anos de experiencia en EEUU. Esta actividade está dirixida aos pais e nais, así como ao alumnado e profesorado do centro. Trátase da primeira actividade presencial que organiza a ANPA do IES do Milladoiro destinada a comunidade educativa do Milladoiro.
A ANPA do IES do Milladoiro comeza as súas actividades presenciais coincidindo co período de solicitude das becas High School, que son convocadas polas Fundacións Barrié e Ortega. Para intentar asesorar a todos os alumnos/as e aos seus pais e nais, a ANPA deste centro educativo organiza unha charla na que tres rapaces da contorna do Milladoiro contarán a súa experiencia tras pasar un ano académico nun High School en Estados Unidos.
Estes alumnos explicarán as diferenzas que hai entre un IES de Galicia e un High School americano. Tamén falarán da súa experiencia persoal tras estar un ano en terras americanas. Xunto a estes tres rapaces estará unha profesora do IES do Milladoiro, que conta con varios anos de experiencia en EEUU. Esta actividade está dirixida aos pais e nais, así como ao alumnado e profesorado do centro.
A través desta actividade preténdese que os alumnos/as, pais/nais e o equipo docente do IES do Milladoiro, saquen as súas propias conclusións sobre a conveniencia de saír ao estranxeiro ou enviar os seus fillos/as a estudar a outro país. Este acto está aberto a todos os veciños e veciñas de Ames que desexen acudir. A entrada é gratuíta ata completar o aforo do salón de actos.
A ANPA do Milladoiro constituíuse hai arredor dun mes e dende a súa posta en marcha xa organizaron varias iniciativas como a sección "información de interese", na que dende a ANPA comunícanlles por correo electrónico aos socios/as todos aqueles asuntos que son de interese. Outro dos programas postos en marcha é "A charla no salón da casa", no que cada mes se lle envía aos socios/as un enlace dun vídeo educativo de YouTube sobre algún tema que se considera importante.




