Pestanas principais

A ANPA do CEIP A Maía organiza unha recollida solidaria de libros de texto

Martes, 04 de xuño de 2013

[04-06-2013] A ANPA do CEIP da Maía está organizando unha recollida de libros de texto e de lectura co obxectivo de dispor dun banco de libros. Para desenvolver esta iniciativa contan coa colaboración do CEIP A Maía e do Concello de Ames. Dende esta asociación solicítaselle aos pais e nais que doen os libros de textos que os seus fillos/as non necesiten durante o curso 2013/2014 e que poidan ser utilizados por outros nenos/as durante o próximo curso escolar. Esta iniciativa permitirá dispor dun banco con libros de lectura de 1º e 2º de Educación Primaria. Ademais, pódense entregar libros de texto de 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria. Os libros poderanse entregar ao final do curso ou posteriormente o 3 de setembro, antes do inicio do próximo curso escolar.

A ANPA do CEIP da Maía está desenvolvendo unha iniciativa solidaria para dispor dun banco de libros de texto e de lectura de cara ao curso 2013-2014. Dende esta asociación de pais e nais teñen a idea de que os libros que teñen as familias só son empregados polos nenos e nenas durante un curso, pero poden ser reutilizados por outros alumnos/as o curso seguinte. Por este motivo puxeron en marcha esta campaña.

Cómpre destacar que a doazón é desinteresada e solidaria. O feito de que algún pais/nai entregue libros non garante que poida recibir libros do curso seguinte xa que poder ser non haxa doazóns no curso seguinte. A campaña consiste en que ao rematar o curso, as familias que desexen ser solidarias doen á ANPA os libros de texto xa utilizados e que se conserven en boas condicións. Cos libros recibidos a ANPA, coa colaboración do centro de ensino, procederá a emprestarllos a aquelas familias que os soliciten.

Os pais e nais que desexan doar libros tiveron de prazo para inscribirse nesta iniciativa ata o pasado 15 de maio. Todos os pais/nais que colaborarán nesta campaña entregaron un impreso dando autorización aos titores/as para que recollan os libros dos seus fillos/as o último día do curso. A continuación, repartiuse o modelo de solicitude de libros para que as familias que o desexen poidan acudir ao banco e soliciten os libros que precisen os seus fillos/as para o próximo curso.

Os libros recibiranse en condicións de empréstamo
Antes do 5 de xullo enviaráselle aos pais e nais solicitantes unha previsión dos libros que recibirán (entre os que xa recolleu a ANPA no mes de xuño e os que ten previsto recibir a comezos do mes de setembro). Os libros recibiranse en condicións de empréstamo, non de propiedade, e ao final do curso hai que devolvelos, para poder volver a emprestarllos a outras familias. Os libros deberán ser tratados co máximo coidado posible, sendo os usuarios/as os responsables deles.

O reparto de libros farase de xeito equitativo entre os solicitantes. Por exemplo, se nun curso hai 40 libros doados e 20 nenos/as que os solicitaron, tocarán a 2 libros por nenos/a. No caso de haber 45 libros e 20 nenos/as solicitantes procederase a un sorteo, habendo nenos/as aos que lle toquen 3 libros e outros aos que se lle emprestarán 2 libros.

A entrega do material emprestado farase no mes de setembro. No momento da entrega do material deixarase constancia do estado no se atopa cada libro. Ao rematar o curso o alumnado beneficiario desta campaña deberá devolverlle os libros a ANPA. A perda, mal uso ou deterioro dos libros implica a devolución do empréstamo integro e a reposición ou pagamento do material deteriorado.