[20-01-2012] A ANPA do CEIP Agro do Muíño promove o ciclo de conferencias do “Proxecto educar sen estrés” que xestiona a Asociación Bioturmalina. Coas conferencias preténdese fomentar a educación en valores, as novas ferramentas pedagóxicas e educativas para o benestar e o desenvolvemento harmonioso dos nenos/as e mozos/as de hoxe. O ciclo consiste en tres conferencias que se impartirán no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, a primeira delas celebrarase o xoves 26 de xaneiro baixo o lema “Educar sen estrés”. Nela trataranse métodos de xestión da tensión, educación emocional e capacidades creativas na casa e nas aulas. A seguinte conferencia celebrarase o día 22 de marzo e tratará o tema “A motivación na educación”, nela abordaranse ferramentas educativas e pedagóxicas para unha educación máis harmoniosa. Finalmente celebrarase unha última conferencia o día 24 de maio baixo o título “Fomentar un novo modelo de aprendizaxe para completar as necesidades educativas, sociais e culturais do alumnado” e coa finalidade de mellorar a integración social, estimular as habilidades motrices e integrar os potenciais culturais.
A vicepresidenta da ANPA do Agro do Muíño, Maribel Pérez, explicou que un dos puntos máis interesantes das conferencias é o feito de que durante a última media hora das mesmas se farán mesas redondas e debates cos asistentes. Ademais o peche das conferencias farase coas performance "Os 4 elementos con nen@s e educadores", "O teu nen@ interior" e "O poder do corazón".
As conferencias faranse no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns serán todas ás 19:30 horas e están abertas a todo o público que desexe participar nelas. Tralas conferencias haberá mesas redondas para debater os temas plantexados nas charlas cos asistentes. Estas mesas redondas comezarán arredor das 21:00 horas.
É o terceiro ano que a ANPA do CEIP Agro do Muíño organiza ciclos de conferencias para tratar temas educativos. A asociación de Nais e Pais do Agro do Muíño considera "que este tipo de iniciativas son unha necesidade importante" e en función da acollida que teña plantéxanse continuar con actividades e talleres onde as familias compartan tempo e experiencias.
As persoas encargadas de impartir as conferencias serán Dulcina Gómez Araújo e Fausto Dopico Gutiérrez del Arroyo. Dulcina Gómez Araújo é licenciada en Ciencias Empresariais e formouse como técnico superior en xestión da saúde integral, do benestar e como orientadora educativa. É membro do Consello Galego de Medio Ambiente e desenvolvemento sostible da Xunta de Galicia e participou en numerosos simposios e conferencias a nivel nacional e internacional.
Fausto Dopico é licenciado en Ciencias, Doutor en Economía e Catedrático da Universidade de Santiago de Compostela. Ambos son membros de Bioturmalina, unha asociación que oferta actividades bioculturais e traballa principalmente nos ámbitos da sustentabilidade ambiental, educativo e de benestar social. A administración autonómica, as administracións locais, colexios, empresas privadas, centros socioculturais, asociacións etc. forman parte dos axentes cos que traballa Bioturmalina.
Dende a ANPA de Agro do Muíño animan a todo o mundo a que participe nestas conferencias xa que se tratan temas de interese non só para as familias, senón tamén para o público en xeral.




