Pestanas principais

A ANPA da Escola infantil municipal da Madalena comeza o 4 de marzo as actividades formativas para nais e pais cun obradoiro de disciplina positiva

Mércores, 03 de marzo de 2021

A ANPA da Escola infantil municipal da Madalena organiza mañá, 4 de marzo, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro un obradoiro de disciplina positiva. Con esta actividade, impartida pola psicóloga Alexia López, ás 17.30 horas, dá comezo a nova programación do programa Escola de Familias deste trimestre.  Este proxecto inclúe dous obradoiros máis, o seguinte, o 8 de abril, sobre a xestión de rabietas e o último, sobre nutrición pediátrica. Esta iniciativa pretende crear un espazo no que compartir experiencias e aprendizaxes en familia, así como achegar formación acorde ás etapas das crianzas escolarizadas na escola infantil da Madalena. Aínda hai prazas libres pero é preciso inscribirse anteriormente. Para máis información pódense por en contacto coa ANPA a través do enderezo electrónico anpamadalena@gmail.com. O Concello de Ames colabora nesta iniciativa.

Conscientes da grande responsabilidade actual dos pais e nais na crianza implicados coa conciliación, dende a ANPA da escola infantil municipal da Madalena, están a crear un espazo no que compartir experiencias e aprendizaxes en familia, poñendo a andar un proxecto cheo de ilusión e moito mimo, denominado Escola de Familias.

Este novo proxecto nace co obxectivo de abrir a posibilidade de achegar información e formación interesante acorde ás etapas das crianzas escolarizadas na escola da Madalena, tales como educación en positivo, taller de xestión de rabietas, nutrición e outros temas actuais e de interese, así como actividades de gozo compartido en familia como música.

Este xoves, 4 de marzo, dará comezo este bloque formativo co taller de disciplina positiva, impartido por Thalamus. Terá lugar no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 17:30 horas, coa ponente Alexia López, psicóloga infantoxuvenil e educadora de familias en Disciplina Positiva pola Positive Discipline Association.

Durante, aproximadamente, unha hora e media, o/as asistentes aprenderán sobre a orixe, os principios e os fundamentos da disciplina positiva. Ademais, exporase algunha situación vivencial (dinámicas) para achegarse máis a práctica diaria da educación dos fillos e fillas. O taller rematará coa explicación de opcións por si os asistentes desexan ampliar os seus coñecementos nesta disciplina e concretar moito máis as ferramentas e estratexias efectivas, empáticas e respectuosas que podemos ter o alcance para abordar as situacións familiares.

Obradoiro de xestión de rabietas
A programación continuará o vindeiro xoves 8 de abril co obradoiro de xestión de rabietas, da man de Marián Cobelas, e por último, Nutrición Stellae impartirá a sesión que aborda o tema de nutrición pediátrica. Este último obradoiro está pendente de data de realización.

As prazas son limitadas polo que é preciso inscribirse anteriormente. Terán prioridade os socios e socias da ANPA da Madalena, pais e nais da EIM A Madalena, o persoal que traballa no centro educativo e, por último, o resto de familias. A Escola de Familias non pertence a ANPA da Madalena, senón que a ANPA colabora neste proxecto.

Dende a ANPA da Madalena indican que este programa formativo desenvolverase sempre e cando se cumpran dous requisitos: que se cubran polo menos o 80% das prazas e que se financien os custes da primeira xornada de formación. As doazón son voluntarias, aínda así para ter unha orientación, unha achega de 10 euros sería suficiente para por en marcha a primeira xornada.

Esta iniciativa levarase a cabo coas doazóns tanto das familias da escola como de toda persoa, empresa ou entidade que queira prestar o seu apoio a este proxecto. Para máis información pódense por en contacto no enderezo de correo electrónico da ANPA anpamadalena@gmail.com.

Novas relacioanadas:

El Correo Gallego: "A Madalena informa ós pais sobre disciplina positiva e de nutrición"

obradoiros ANPA