Pestanas principais

Anímase á veciñanza a participar nas clases online de xadrez o xoves 1 e o sábado 3 de outubro

Martes, 29 de setembro de 2020

O Club de Xadrez Millarengo organizou un curso intensivo online de xadrez para o xoves 1 e o sábado 3 de outubro. Trátase dunha iniciativa para animar á veciñanza amesá na iniciación e perfeccionar das destrezas na práctica do xadrez. As clases son totalmente gratuítas e impartiranse a través da plataforma Sky.

Cada día faranse 3 sesións, dunha hora de duración cada unha, de diferentes niveis: iniciación, intermedio e avanzado. O número de participantes para cada grupo será de 8 ou 10 persoas.

O curso comezará o xoves, 1 de outubro, ás 18.00 co nivel de iniciación para continuar, ás 19.00 horas co nivel intermedio. Ás 20.00 horas realizarase o obradoiro de nivel avanzado para aquelas persoas que conten con coñecementos previos do xogo.

Na segunda xornada, o sábado 3 de outubro, o horario será de mañá. Ás 11.00 horas impartirase o curso de iniciación ao xadrez e continuará ás 12.00 horas co nivel intermedio. A actividade rematará ás 13.00 horas coas clases avanzadas.

Todos os cursos impartiranse a través da plataforma Sky. Para inscribirse, así como para obter información, débese chamar ao número de teléfono 633 447 674 ou escribir un correo electrónico ao enderezo albertodiosqu@hotmail.es.

Anímase á veciñanza a participar nas clases online de xadrez o xoves 1 e o sábado 3 de outubro