Pestanas principais

Anímase á veciñanza amesá a percorrer “Os Camiños da Saúde” para gañar en saúde con cada paso

Martes, 26 de abril de 2022

Esta mañá o Goberno municipal presentou no Milladoiro a nova campaña “Os Camiños da Saúde”. Trátase de dous “pasominuto” que inclúen recorridos entre puntos de interese en Bertamiráns e no Milladoiro medidos en pasos e minutos aproximados, para que a veciñanza gañe saúde con cada paso. Propóñense diferentes tramos urbanos para facer camiñando, que van dos 50 ao 11.00 pasos en Bertamiráns, e dos 50 aos 8.000 pasos no Milladoiro. Un “pasominuto” é un mapa esquemático de percorridos entre puntos de interese de O Milladoiro e Bertamiráns medidos en pasos e minutos. O obxectivo é incorporar na vida diaria da veciñanza o hábito de andar e gañar en saúde con cada paso que deamos. Premendo nesta ligazón podes descargar o pasominuto de Bertamiráns e do Milladoiro.

Esta mañá presentouse no Milladoiro a nova iniciativa "Os Camiños da Saúde", promovida polas Concellarías de Mobilidade e de Promoción da Saúde. Baixo o lema Paso a pasiño Ames é máis, creáronse dous “pasominuto”, un para Bertamiráns e outro para O Milladoiro. Trátase dunha nova campaña para fomentar a mobilidade peonil e ao mesmo tempo que a veciñanza gañe en saúde. Deste xeito, elaboráronse dous mapas con diferentes percorridos con suxestións para pasear polos dous principais núcleos urbanos do municipio, tendo en conta as distancias que se percorren, os pasos que se dan e o tempo que leva percorrer ditos itinerarios.

A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, explicou que “no ano 2019 iniciaramos o proxecto do ‘metrominuto’ en Ames, que despois por mor da pandemia deixamos estancado. Este ano dende o Goberno municipal pensamos que podíamos retomar este proxecto, e aproveitando o Mes da Saúde sumar máis contido, no senso de animar sobre todo a xente maior, que foi a que máis tempo estivo nas súas casas e perdeu mobilidade, a poder sumarse ao proxecto. O noso obxectivo é unir o tema da mobilidade co da saúde: que poidan camiñar cada vez un pouco máis, ofrecendo rutas para que poidan ir camiñando e descansando pouco a pouco, e sumalas aos puntos de interese do ‘metrominuto’”.

Para elaborar ditos “pasominuto” realizouse un amplo traballo de campo que implicou ter que percorre os diferentes itinerarios que se recollen nos mapas para contabilizar o número de pasos de cada percorrido e o tempo que leva percorrelos. Os datos reflectidos teñen como base aproximada uns 100 pasos por minutos e 1,4 pasos por metro. Un “pasominuto” é un mapa esquemático de percorridos entre puntos de interese de O Milladoiro e Bertamiráns medidos en pasos e minutos. O obxectivo é incorporar na vida diaria da veciñanza o hábito de andar e gañar en saúde con cada paso que deamos.

A concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luisa Feijóo, dixo “o que pretendemos con este proxecto é unir os puntos principais do concello e sobre todo que a xente tome consciencia do que é camiñar e a mobilidade sostible. Aquí en Ames a verdade é que as distancias apenas existen, polo que camiñar é un dos hábitos de vida saudable que agora mesmo estamos impulsando. Animamos a toda a veciñanza a que empece a deixar o vehículo na casa e que comecemos a camiñar, porque ademais de gañar saúde con cada paso, tamén poderemos coñecer partes interesantes do noso concello”.

Pasominuto de Bertamiráns e do Milladoiro
Os “pasominuto” estarán colocados na praza do Concello, en Bertamiráns, e na praza de Manuel Murguía e na Travesía do Porto, no Milladoiro. Tamén se van colocar nalgunhas marquesiñas de autobús (naquelas por onde discorren algúns dos percorridos recollidos nos mapas). Ademais, vanse elaborar uns folletos informativos para poder repartir entre a veciñanza e deixalos en lugares como os centros de saúde ou Casas da Cultura, para que a cidadanía poida coñecer esta nova iniciativa. Por último, difundiranse a través das redes sociais do Concello de Ames e tamén se poden descargar na web municipal.

O “pasominuto” de Bertamiráns inclúe tramos urbanos dende os 50 ata os 2.000 pasos, así como a ruta circular 8M (o tramo longo de 8 quilómetros e 11.000 pasos aproximados e mailo tramo curso de 5 quilómetros e 7.000 pasos aproximadamente). Por outra banda, o “pasominuto” do Milladoiro inclúe percorridos urbanos que van dos 50 os 800 pasos e unha ruta urbana circular de 6 quilómetros e 8.000 pasos aproximadamente, que pasa pola Casa da Cultura, polígono Novo Milladoiro, Ventín, Hortas urbanas, Cuartel da Garda Civil, rúa do Rego e biblioteca municipal.

Os diferentes tramos urbanos están representados con distintas cores (empréganse as corres frías para os tramos curtos e as cores cálidas para os tramos longos). Ademais, aproveitouse a elaboración destes mapas para incluír novas infraestruturas creadas nos últimos anos como o anfiteatro do Milladoiro, os parques de calistenia, parques infantís, a pista de pump track de Bertamiráns, etc. Tamén se incluíron as distintas zonas verdes que existen en Bertamiráns e no Milladoiro para que as persoas que fagan estas rutas poidan saber onde existen zonas de descanso.

O alcalde de Ames, Blas García, lembrou “o sábado pasado celebramos a xornada de saúde mental e a II Feira da Saúde, e falabamos alí da importancia da aposta deste Goberno pola promoción da saúde. Levamos moito tempo traballando en motivar e incentivar que os veciños e veciñas de Ames fagan unha vida máis saudable, e este é un paso máis que damos, para que a veciñanza saiba por onde desprazarse e as rutas que teñen que facer para ir sumando pasos. Se algo bo trouxo a pandemia é que as persoas buscamos saír á rúa, saírmos a camiñar, e coñecer novas zonas onde as persoas saímos a pasear e a facer exercicio”.

Beneficios de camiñar
A través desta iniciativa trátase de que a veciñanza colla o hábito de facer os recados a pé; de ir andando ao traballo, sempre que sexa posible, e á escola ou instituto; usar as escaleiras en lugar do ascensor; e participar nas andainas saudables que se organizan todos os meses. Os beneficios de camiñar son múltiples: reduce o risco de padecer enfermidades cardiovasculares, diabetes tipo 2, hipertensión arterial, hipercolesterolemia e obesidade. Ao mesmo tempo axuda a manterse áxil fisicamente; mellora o benestar mental; mellora a función cognitiva e o benestar social; e axuda a gozar dunha boa calidade de vida.   

Doli Folgar, deseñadora dos “pasosminuto” pertencente á empresa Fotoegrafica, explicou que “estas representacións gráficas que fomentan os desprazamentos a pé son parte de moitas cidades europeas coma Londres ou Florencia e como dato importante debemos saber que todo isto naceu na cidade galega de Pontevedra. A diferencia doutras cidades que fan percorridos máis longos, aquí en Ames decidimos facer percorridos máis curtos, a partir do 50 metros, coa intención de que as persoas que fagan estes percorridos poidan ir sumando pasos a medida que percorren diferentes tramos urbanos. A idea é que as persoas maiores, e todos os veciños e veciñas en xeral, se animen a camiñar e vaian andando á oficina de Correos, ao centro de saúde... O obxectivo é ir deixando o vehículo estacionado e ir facer os recados do día camiñando pouco a pouco. Precisamente, para poder descansar entre tramo e tramo, nos paneis informativos tamén se inclúen zonas verdes para o descanso”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames estrena un mapa urbano con pasos y minutos para caminar y «gañar en saúde»"

El Correo Gallego: "Puesta a punto postpandemia con rutas medidas en pasos y minutos"

El Correo Gallego: "Presentan os percorridos pola saúde nas urbes da Maía en pasos e minutos"

AMSGO!: "“Os Camiños da Saúde”, unha proposta para gañar en saúde con cada paso"

Enfoques: "‘Los Caminos de la Salud’ ya se pueden recorrer en Ames"

Imaxe da presentación

Multimedia

  • Pasominuto do Milladoiro
  • Pasominuto de Bertamiráns
  • Anímase á veciñanza amesá a percorrer “Os Camiños da saúde” para gañar en saúde con cada paso
  • Anímase á veciñanza amesá a percorrer “Os Camiños da saúde” para gañar en saúde con cada paso
  • Anímase á veciñanza amesá a percorrer “Os Camiños da saúde” para gañar en saúde con cada paso
  • Anímase á veciñanza amesá a percorrer “Os Camiños da saúde” para gañar en saúde con cada paso
  • Anímase á veciñanza amesá a percorrer “Os Camiños da saúde” para gañar en saúde con cada paso