[31-08-2016] Este sábado, a partir das 10:00 e até ás 14:00 horas, os StormTroopers da Tropa Korriban de Star Wars Galicia achegaranse á Praza da Maía de Bertamiráns. Farano convidados pola asociación amesá AnimalAmes, á que axudarán a concienciar á veciñanza acerca da convivencia responsable cos animais domésticos. Os membros de AnimalAmes empregan os seus propios fogares como casas de acollida para animais abandonados; gatos e cans acompañaranos este sábado na busca dunha familia que os adopte.
Nuria Ruibal, membro de AnimalAmes, explica que a andaina da asociación comezou fai pouco tempo “uns dous anos”. Naceron coa finalidade de axudar a localizar as familias dos animais extraviados na zona de Ames e os seus arredores e, ademais, acollen temporalmente a cans ou gatos abandonados para buscarlles un fogar definitivo “Desgraciadamente”, conta Nuria, “non podemos axudar a todos os animais que nos gustaría” xa que ao carecer de refuxio, explica, e tendo as súas propias mascotas non poden “acoller a máis”. Por este motivo e cada certo tempo instalan un posto, en Bertamiráns, en Santiago de Compostela, no que ofrecen información sobre as súas actividades e os xeitos de contribuír e colaborar coa asociación. “Vendemos produtos feitos a man, artigos que nos doan persoas colaboradoras e aceptamos donativos, como alimentos para os animais”.
Nuria anima á xente a achegarse ao posto da asociación este sábado, sobre todo aos siareiros da saga Star Wars. Non é primeira vez que o lado escuro da Forza colabora con AnimalAmes: “Fai un ano fixemos unha actividade conxunta, os membros da Tropa Korriban viñeron cos seus traxes do Exército Imperial a Santiago”. Alí os soldados imperiais pasearon aos cans e sacáronse fotografías cos fans da saga de George Lucas. Este sábado repetirán a experiencia na praza da Maía de Bertamiráns. A cambio dun donativo, como pienso ou artigos para mascotas, o público poderá fotografarse cos membros da tropa nun photocall creado pola asociación AnimalAmes.
Dende a súa creación AnimalAmes conseguiu axudar a vinte gatos e cans a atopar unha familia. “Nós sempre recomendamos á xente adoptar no canto de mercar”, sinala Nuria, “nós recomendamos sempre a experiencia de darlle un fogar a un animal que foi abandonado.”. Para Nuria ver a súa evolución “é unha experiencia incrible”. A asociación ten unha páxina de Facebook, e pódese contactar con ela a través do enderezo electrónico animalames@hotamil.es. “O sábado estaremos en Bertamiráns até as 14:00 horas” dispostos a atender todas as dúbidas e preguntas das persoas que se achegue.