- Tematica
O día de hoxe, domingo 28 de decembro, vén de celebrarse a segunda edición do Trofeo de Marcha en Ruta. Na categoría absoluta feminina a primeira en cruzar a liña de meta foi Andrea Caínzos, cunha marca de 27:52, mentres a primeira posición en categoría masculina absoluta foi para Nicolás Collazo, que conseguiu un tempo de 22:53. Nesta proba participaron atletas de clubes amesás, do Millaraio, e do Ames Atletismo.
O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizaron onte domingo 28 de decembro a segunda edición do Trofeo de Marcha en Ruta, que arrincou ás 10:45 horas no Milladoiro coa saída dos atletas sub 12 da categoría masculina. A continuación, ás 11.00 horas, disputouse a proba sub 12 feminina. En ambos os dous casos a distancia foi de dous quilómetros. A proba da categoría sub 10 masculina e feminina comezou ás 11.15 horas. Nenos e nenas participaron de forma conxunta e percorreron unha distancia dun quilómetro. Ás 11.30 horas foi a quenda dos/as atletas da categoría sub 14, que percorreron dous quilómetros, mentres que ás 11.55 horas comezou a proba da categoría sub 16, cunha distancia de tres quilómetros. Neste caso tamén participaron xuntos os/as atletas das categorías feminina e masculina. A última proba foi ás 12.20 horas, correspondente á categoría absoluta, cun percorrido de cinco quilómetros.
Na categoría feminina absoluta a primeira en parar o tempo foi Andrea Caínzos, do club La Mochila del Deporte, que gañou a categoría ao rematar a proba en 27:52. Por outra banda, na categoría masculina absoluta, o gañador foi Nicolás Collazo, de Ames Atletismo, cun tempo de 22:53. Nesta proba tamén participaron os dous clubes amesás de atletismo, o Millaraio e o Ames Atletismo.
En canto aos clubes amesáns, por parte do Ames Atletismo nas distintas categorías participaron Adán García, Lois García, Julieta Rodríguez, Juan Pernas, Arón Grille, Nicolás Collazo, Nadir Moreira. Por parte do Millaraio Olaia Pazos e Ana Barreiro.
A entrega de premios foi na liña de meta, onde finalizou a proba. Alí acudiu o alcalde de Ames, Blas García, o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, e representantes do Goberno local e dos grupos políticos con representación na Corporación municipal. Os/as tres primeiros/as atletas clasificados/as das categorías sub 10, sub 12, sub 14, sub 16, sub 18, sub 20, absoluta e máster recibiron unha medalla conmemorativa, sendo de obrigado cumprimento acudir ao protocolo de entrega de premios.





