Pestanas principais

As andainas circulares de SaúdeAndo volven ao Milladoiro e a Bertamiráns a partir dos xoves 11 e 18 de xaneiro

Mércores, 10 de xaneiro de 2024

Esta mañá foi presentado na Casa do Concello, en Bertamiráns, o programa SaúdeAndo 2024, unha iniciativa da Concellería de Promoción da Saúde en colaboración cos centros de saúde do Milladoiro e Bertamiráns. Como xa acontecera en edicións anteriores, será nestes mesmos centros de saúde onde comecen as andainas circulares, que se organizan cada xoves de semanas alternas ao longo de todo o ano, con rutas de dificultade media-baixa e de entre unha hora e hora e media de duración.

O programa SaúdeAndo inclúe un total de 39 andainas ao longo de todo o ano (exceptuando os meses de xullo e agosto), con 21 saídas desde o centro de saúde do Milladoiro e outras 18 desde o de Bertamiráns. Ao acto de presentación da edición de 2024 asistiron a concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, e a nutricionista e técnica de Promoción de Saúde, Rosana Martínez. Ambas coincidiron á hora de destacar a fortaleza e cohesión dos grupos que participan cada semana nestas rutas, entre 20 e 30 persoas que, como sinalou a concelleira Susana Señorís, “empregan as andainas como un punto de encontro”.

Este ano as andainas comezarán o 11 de xaneiro no Milladoiro e o día 18 en Bertamiráns,    ás 17:30 horas. As sesións, para as non é precisa inscrición previa, duran entre unha hora e hora e media, e teñen unha dificultade media-baixa. Estas saídas contan sempre coa presenza dun monitor de marcha nórdica, pensando nas persoas que desexen practicar esta modalidade (sempre de maneira voluntaria).

Durante a presentación, a concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, explicou que o SaúdeAndo é un proxecto que busca “promocionar a actividade física, fomentando o deporte en grupo mentres se pasa un rato agradable desfrutando de todas as rutas que temos en Ames”. Así mesmo, animou a toda a veciñanza a participar, desde familias e maiores ata profesionais do deporte.

As andainas do SaúdeAndo convertéronse, dende o comezo do programa no 2018, “nunha actividade máis da rutina semanal de moitas persoas”, segundo Rosana Martínez, que sinala que notou un progreso na consolidación dos grupos “parello ao aumento na periodicidade das saídas”. Tamén sinalou que moitas das persoas participantes “esperan ao día da andaina non só para facer actividade física, senón tamén para ver ás súas amizades no grupo, falar un pouco e ter ese rato para si mesmas. Pasando tanto tempo na casa como pasamos, ao final esta é unha actividade ao aire libre que moitas persoas necesitan para despexarse”.

Datas do SaúdeAndo 2024
Xa se coñecen todas as datas das andainas do SaúdeAndo deste ano, que comezan os xoves ás 17:30 horas nos centros de saúde de Bertamiráns e no Milladoiro.

No Milladoiro haberá 21 andainas, nos días 11 e 25 de xaneiro; 8 e 22 de febreiro; 7 e 21 de marzo; 4 e 18 de abril; 2, 16 e 30 de maio; 13 e 27 de xuño; 5 e 19 de setembro; 3, 17 e 31 de outubro; 14 e 28 de novembro e 12 de decembro.

Pola súa banda, Bertamiráns contará con 18 saídas, os días 18 de xaneiro; 1, 15 e 19 de febreiro; 14 de marzo; 11 e 25 de abril; 23 de maio; 6 e 20 de xuño; 12 e 26 de setembro; 10 e 24 de outubro; 7 e 21 de novembro; e 5 e 19 de decembro.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "SaudeAndo vuelve con 39 andainas y salida desde los dos centros de salud de Ames"

La Voz de Galicia: "Ames retoma las rutas circulares saludables con 39 citas con marcha nórdica opcional"

Lindeiros: "Ames presentou o novo ciclo do programa SaúdeAndo"

As andainas circulares de SaúdeAndo volven ao Milladoiro e a Bertamiráns a partir dos xoves 11 e 18 de xaneiro

Multimedia

  • As andainas circulares de SaúdeAndo volven ao Milladoiro e a Bertamiráns a partir dos xoves 11 e 18 de xaneiro
  • As andainas circulares de SaúdeAndo volven ao Milladoiro e a Bertamiráns a partir dos xoves 11 e 18 de xaneiro
  • As andainas circulares de SaúdeAndo volven ao Milladoiro e a Bertamiráns a partir dos xoves 11 e 18 de xaneiro
  • As andainas circulares de SaúdeAndo volven ao Milladoiro e a Bertamiráns a partir dos xoves 11 e 18 de xaneiro