Pestanas principais

A Andaina Saudable de febreiro percorrerá a quinta e a sexta etapa do Xiro dos Montes

Luns, 14 de febreiro de 2022

A Concellaría de Benestar Social e Promoción de Saúde celebra a segunda sesión do programa de Andainas Saudables neste 2022, continuando co Xiro dos Montes. Tras teren completado a terceira e cuarta parada da ruta en xaneiro, as persoas participantes terán ocasión de percorrer a quinta e a sexta etapa do circuíto o próximo sábado 26 de febreiro, cuns 8,2 quilómetros entre o Monte de Vidán e o de Santas Mariñas. Para inscribirse, cómpre enviar un correo ao enderezo promociondasaude@concellodeames.gal, ata o xoves 24 de febreiro ás 14:00 horas. Haberá servizo de autobuses, que sairán ás 10:00 horas da praza do Concello, en Bertamiráns, e ás 10:15 horas da Casa da Cultura do Milladoiro.

As Andainas Saudables de Ames continúan en febreiro e van quedando máis preto de completar o Xiro dos Montes de Compostela, unha ruta de 34 quilómetros arredor de Santiago que une os principais montes da xeografía local. Despois de realizar no pasado mes de xaneiro a terceira e a cuarta etapa deste circuíto, será a quenda da quinta e sexta, uns 8,2 quilómetros a través dos Montes de Vidán, Conxo e Santas Mariñas.

As andainas saudables realízanse nas fins de semana e teñen lugar unha vez ao mes dende o pasado mes de setembro de 2021. Para este primeiro semestre de ano están programadas unhas seis saídas, que complementan ao programa semanal SaúdeAndo con percorridos máis esixentes.

A quinta etapa do Xiro dos Montes, que une o Monte de Vidán co de Conxo, conformará a primeira parte da ruta do próximo sábado 26. O tramo, duns 4,6 quilómetros, comeza no Mirador de Vidán e pasará polo Camiño de Fisterra e o Portugués, cruzando as pontes de Santo Domingo, a dos Molinos de Carmela e a ponte vella da Rocha, ata alcanzar o mirador do Monte de Conxo.

Dende ese punto comezará a sexta etapa, uns 3,6 quilómetros ata o Monte de Santas Mariñas. A segunda parte do percorrido descenderá Conxo e pasará polo antigo mosteiro, para despois cruzar unha carballeira cara á aldea de Casal. Posteriormente, seguirase polo parque do Combarro, onde se poderá descansar antes de continuar por Lamas de Abade e ascender ao Monte de Santas Mariñas.

Inscricións e servizo de autobuses

Para facer posibles estas saídas, a Concellaría de Promoción de Saúde porá á disposición da veciñanza un servizo de autobuses, que partirá ás 10:00 horas da praza do Concello, en Bertamiráns, e ás 10:15 horas da Casa da Cultura do Milladoiro. Para participar, cómpre inscribirse previamente a través do enderezo electrónico promociondasaude@concellodeames.gal, comunicando os datos das persoas asistentes. O prazo para sumarse á actividade rematará o próximo xoves 24 de febreiro, ás 14:00 horas. Nesta ocasión, a actividade está limitada a 70 prazas.

Por mor da situación epidemiolóxica, será imprescindible que as persoas asistentes presenten o seu certificado covid. No caso de non dispoñer del, cómpre presentar unha proba PCR negativa realizada con 72 horas de antelación, ou ben un test de antíxenos realizado 48 horas antes. Como é habitual, será necesario o uso de máscara durante toda a actividade.

A Andaina Saudable de febreiro percorrerá a quinta e a sexta etapa do Xiro dos Montes

Multimedia

  • A Andaina Saudable de febreiro percorrerá a quinta e a sexta etapa do Xiro dos Montes