Pestanas principais

Ana Rosa Lista expuxo unha escolma do seu traballo na Mostra internacional "Rendas de Bilros", en Peniche

Mércores, 03 de agosto de 2016

[03-08-2016] A amesá Ana Rosa Lista foi unha das artesás que acudiron este ano á Mostra internacional "Rendas de Bilros", en Peniche (Portugal), que se celebrou do 21 ao 24 de xullo. Alí contou cun stand no que expuxo unha escolma do seu traballo. Ademais, houbo unha presentación de traxes con aplicacións de encaixe na que desfilaron varias modelos con traballos desta artesá.

Ana Rosa Lista continúa mostrando o seu traballo polo mundo adiante. Neste caso, a finais do pasado mes de xullo acudiu á Mostra internacional Rendas de Bilros, en Peniche (Portugal), que se celebrou do 21 ao 24 de xullo. Esta mestra do encaixe formouse na Escola Holandesa do Encaixe, despois do cal comezou a impartir obradoiros e charlas ao longo da xeografía galega e española acerca das distintas técnicas de elaboración de encaixes.

Ana Rosa non domina só os métodos da súa terra, senón que os seus traballos beben tamén das tradicións holandesa, rusa ou italiana, que combina con outras técnicas máis modernas e novidosas. A artista imparte clases na Casa Escola Obradoiro Ana Rosa, situada nas Punxeiras Altas, na parroquia de Ortoño. Tamén o local social da Tarroeira, na mesma parroquia, acolle de forma habitual os seus obradoiros.

A artesá de Ames contou en Peniche cun stand onde puido expoñer unha escolma do seu traballo. Unha das obras que expuxo nesta Mostra internacional representa ao escudo de Ames. Ademais, houbo unha presentación de traxes con aplicacións de encaixe na que desfilaron varias modelos con traballos desta artesá.

A artista xa fora invitada a participar no I Fórum sobre os Camiños de Santiago (Fairway), que se celebrou en outubro de 2015 na Cidade da Cultura. Posteriormente, no mes de marzo participou na XXVI Mostra de Encaixe de Camariñas, onde tamén amosou o seu traballo no pavillón polideportivo municipal de Camariñas.

Declaración de Patrimonio da Humanidade
Os concellos de Camariñas, Peniche (Portugal) e Novedrate (Italia) traballan xuntos nun proxecto común que persegue a declaración do encaixe de palillos como patrimonio inmaterial da humanidade. A Mostra internacional de Peniche serviu como punto de encontro para que os tres concellos comenzaran a traballar da man neste ambicioso e interesante proxecto.