Pestanas principais

Ana Rosa Lista expuxo unha escolma do seu traballo na Mostra internacional "Renda Bilros", en Peniche

Mércores, 24 de xullo de 2019

A amesá Ana Rosa Lista foi unha das artesás que acudiu este ano á Mostra internacional "Renda Bilros", en Peniche (Portugal), que se celebrou do 17 ao 21 de xullo. Alí contou cun stand no que expuxo unha escolma do seu traballo. Desta volta, a artista amesá optou por expoñer a colección de Luis Seoane e aproveitou os catro días de mostra para amosar as súas habilidades cos palillos.

Ana Rosa Lista continúa mostrando o seu traballo polo mundo adiante. Neste caso, a pasada fin de semana acudiu á Mostra internacional Renda Bilros, en Peniche (Portugal). Esta mestra do encaixe formouse na Escola Holandesa do Encaixe, despois do cal comezou a impartir obradoiros e charlas ao longo da xeografía galega e española acerca das distintas técnicas de elaboración de encaixes.

Para Ana Rosa Lista, a edición deste ano foi “unha pasada. Nunca recibira tantos parabéns e foi, sen dúbida, o ano que máis visitas recibín no stand e unha das mellores exposicións que fixen en Portugal”. A mostra non só serviu para que Ana Rosa amosase os seus traballos no stand de Ames, senón que aproveitou a súa participación para palillar e intercambiar ideas con xente doutros países.

Ana Rosa non so domina os métodos da súa terra, senón que os seus traballos beben tamén das tradicións holandesa, rusa ou italiana, que combina con outras técnicas máis modernas e novidosas. A artista imparte clases na Casa Escola Obradoiro Ana Rosa, situada nas Punxeiras Altas, na parroquia de Ortoño.

A artesá de Ames confirmou a súa presenza nunha nova mostra internacional o ano que ven en Polonia. Ademais, no mes de maio estará na mostra internacional de Barcelona e a súa colección de Luis Seoane estará exposta no Museo de Arenys de Mar durante un mes.

Ana Rosa Lista expuxo unha escolma do seu traballo na Mostra internacional "Renda Bilros", en Peniche

Multimedia

  • Ana Rosa 2
  • Ana Rosa 3