[23-03-2016] A amesá Ana Rosa Lista será un dos nomes de persoas artesás que acoden este ano á XXVI Mostra de Encaixe de Camariñas, un evento declarado de Interese Turístico de Galicia e que se ven celebrando cada Semana Santa dende 1981.

Esta mestra do encaixe fórmase na Escola Holandesa do Encaixe, despois do cal comeza a impartir obradoiros e charlas ao longo da xeografía galega e española acerca das distintas técnicas de elaboración de encaixes. Ana Rosa non domina só os métodos da súa terra, senón que os seus traballos beben tamén das tradicións holandesa, rusa ou italiana; que combina con outras técnicas máis modernas e novidosas. A artista imparte clases na Casa Escola Obradoiro Ana Rosa; situada nas Punxeiras Altas, na parroquia de Ortoño. Tamén o local social da Tarroeira, na mesma parroquia, acolle de forma habitual os seus obradoiros.
Unha das obras que expoñerá na Mostra de Encaixe de Camariñas representa ao escudo de Ames. Os traballos cos que Ana Rosa viaxa até Camariñas pódense visitar entre hoxe, día 23 de marzo, e o domingo 27 en horario ininterrompido de 11:00 a 21:00 horas, no recinto feiral instalado no Pavillón Polideportivo Municipal de Camariñas.
A artista xa fora invitada a participar no I Fórum sobre os Camiños de Santiago (Fairway) que se celebrou en outubro de 2015 na Cidade da Cultura. O alcalde de Ames, José Miñones, e Isabel González, concelleira de Promoción Económica, visitaron á artista no seu stand.




