Pestanas principais

Amplíase o servizo de limpeza que ofrece Urbaser en rúas e urbanizacións municipais

Sábado, 30 de xullo de 2016

[30-07-2016] Este luns, 1 de agosto, comeza a funcionar o servizo de limpeza, que ofrece a empresa Urbaser, nas novas zonas que se recollen no contrato de ampliación aprobado en pleno o pasado 26 de maio de 2016. A ampliación deste servizo é unha vella demanda da veciñanza amesá do Milladoiro e de Bertamiráns. Estas últimas semana os operarios da empresa Urbaser xa estiveron realizando traballos previos de acondicionamento e limpeza na zona do Agro do Muíño e da urbanización Millalar.

No Milladoiro o servizo amplíase na zona de vivendas do polígono Novo Milladoiro, na praza que se atopa entre as rúas das Camelias e dos Cereixos, na mediana, na urbanización Millalar, na prolongación da rúa Pardiñeiros. Nestes lugares o servizo de limpeza prestarase dúas veces á semana, excepto na urbanización Millalar que se fará unha vez á semana.

En Bertamiráns a ampliación do servizo comprende as rúas Agrelo, Xesteira-Fontaldeiro ata o Tanatorio, a nova zona do centro deportivo da Telleira, o Camiño Novo, o aparcamento da rúa Pesqueiras, a zona da escola infantil O Bosque ata o IES de Ames, a nova urbanización da Telleira e a urbanización do Pedregal. Nestas rúas e urbanizacións o servizo de limpeza prestarase dúas veces á semana.

Por outra banda, o ámbito de actuación na urbanización Agro do Muíño comprende as rúas Ribeira de Maguxe, Rianxo, Revolteada, do Carballo, do Lavadoiro, Pradeiras, avenida Esparille, Ameixeiras, avenida Juan Bueno Bueno, Pradiños, Nogueiras e Tras do Muíño. Nestas rúas o servizo de limpeza tamén se prestará dúas veces á semana. Ademais, o persoal que realice as labores de limpeza viaria disporá de novo material (dous carriños porta cubos e un soprador de mochila). O custo desta ampliación ten un custo para as arcas municipais de 70.000 euros.

Estas últimas semana os operarios da empresa Urbaser xa estiveron realizando traballos previos de acondicionamento e limpeza na zona do Agro do Muíño e da urbanización Millalar. Cómpre lembrar que as zonas que non estaban incluídas no contrato non estaban sen servizo, xa que están sendo atendidas por persoal municipal pertencente á brigada municipal de obras.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas, e Servizos Básicos, Blas García, incidiu en que “nos gustaría que esta ampliación fose máis ambiciosa, pero cos recursos económicos que dispoñemos na actualidade non podemos optar a máis. O que si é moi importante é que recuperamos, para a brigada municipal de obras, ás dúas persoas que estaban facendo labores de limpeza viaria, polo que disporemos de máis recursos neste grupo de traballo. Dende o goberno municipal estamos estudando a opción de crear un grupo de limpeza no rural”.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames amplía el ámbito de actuación del servicio de limpieza de Urbaser"
La Voz de Galicia: "El servicio de limpieza de Ames amplía sus tareas a varias calles y urbanizaciones"