Pestanas principais

Amplíase o prazo para preinscribirse nos campamentos de verán que oferta o Concello de Ames

Venres, 10 de maio de 2013

[10-05-2013] O Concello de Ames decidiu ampliar o prazo para preinscribirse nos campamentos municipais de verán. Todos os pais e nais que desexen preinscribir aos seus fillos/as nestas actividades terán que presentar a ficha de preinscrición no Rexistro Xeral do Concello, en Bertamiráns, ou no Rexistro da Oficina Municipal do Milladoiro, en ambos casos en horario de 9:00 a 14:00 horas. No Rexistro Xeral do Concello tamén se poderá entregar o sábado pola mañá. Estas actividades están dirixidas aos rapaces e rapazas, mozos e mozas que teñen de 3 a 16 anos. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a ficha de preinscrición e as bases dos campamentos de verán 2013.

Os campamentos, dirixidos a nenos e nenas de 2º ciclo de educación infantil, educación primaria e rapaces e rapazas desde 1º a 4º de ESO, realizaranse nesta edición en lugares como a granxa escola Fervenzas do Toxa (Silleda), Albergue LUG-2 (Lugo), Albergue Fundación González Ferreiro (Allariz) ou Surf Camp Caldebarcos (Carnota). Ademais, haberá unha segunda edición do campamento urbano, que, ao igual que o pasado ano, se levará a cabo no mes de xullo na Aula da Natureza. Grazas a este programa de campamentos deseñado polas concellerías de Medio Ambiente e Xuventude, os cativos terán a posibilidade de pasar uns días divertidos ao tempo que fan novos amigos e fomentan o respecto polo medio ambiente. En todos os campamentos faranse xogos de cooperación e divertidas veladas.

Campamentos ofertados
Así, cun total de 56 prazas dispoñibles, os nenos de 1º e 2º de segundo ciclo de educación infantil terán a posibilidade de pasar os días 25 e 26 de xuño na granxa escola Fervenzas do Toxa (Silleda). O custo será de 45 euros. Un grupo de 56 rapaces e rapazas de 3º curso de segundo ciclo Educación Infantil tamén acudirán a esta mesma granxa escola entre as xornadas do 27 ao 29 de xuño, a un prezo de 90 euros.

Para os rapaces e rapazas que cursen 1º de Primaria poderán acudir ao Albergue LUG-2, situado en Lugo. Neste caso, a estancia será do 15 ao 17 de xullo a un prezo de 90 euros. A este mesmo campamento poderán asistir os nenos e nenas que cursen 2º de Educación Primaria, que contarán con 50 prazas para os días 18 a 20 de xullo con un custe de 90 euros. A Lugo tamén poderán acudir os rapaces e rapazas de 3º e 4º de Primaria entre os días 21 e 24 de xullo. En total para este último grupo, haberá 80 prazas a un prezo de 127 euros.

Para os alumnos de 5º e 6º de primaria haberá 100 prazas no Albergue Fundación González Ferreiro de Allariz. Os de 5º curso poderán estar entre os días 25 e 30 de xuño, mentres que os de 6º terán como posibilidade estar en Allariz entre o 30 de xullo e o 4 de agosto. O prezo destas actividades será de 170 euros.

Os rapaces e rapazas de entre 1º e 4º de Secundaria poderán acudir ao Surf Camp Caldebarcos, situado en Carnota. O custe será de 220 euros e haberá 50 prazas dispoñibles. A actividade repartirase en dúas quendas: a primeira será entre o 30 de xuño e o 7 de xullo, mentres que a segunda será do 7 ao 14 de xullo.

Dado o éxito acado o pasado ano, no verán de 2013 repetirase o campamento urbano que se celebrou na Aula da Natureza. Esta actividade, dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 14 anos de idade, terá lugar do día 1 ao 5 de xullo e do 8 ao 12 de xullo en horario de 16:00 a 20:00 horas. En total, haberá 40 prazas dispoñibles e terá un custe de 50 euros.

Trámites de preinscrición
A preinscrición realizarase cubrindo unha ficha para todos os campamentos que poderán descargar na web www.concellodeames.org. A ficha de preinscrición tamén se poderá recoller no Milladoiro e en Bertamiráns. Na Oficina Municipal do Milladoiro, de luns a venres en horario de 09:00 a 14:00 horas, para todos os campamentos.

No caso de Bertamiráns, a ficha de preinscrición para os campamentos de infantil e primaria pódense recoller na Concellaría de Medio Ambiente de luns a venres, mentres que os dos campamentos xuvenil recolleranse na concellería de Xuventude. En ambos os casos en horario de 09:00 a 14:00 horas. Os impresos entregaranse, no Rexistro da Oficina Municipal do Milladoiro de 09:00 a 14:00 horas ou no Rexistro Xeral en Bertamiráns, tamén de 09:00 a 14:00 horas. No Rexistro Xeral do Concello tamén se poderá entregar o sábado pola mañá.

Para realizar a admisión nos campamentos establécese unha prioridade. En primeiro lugar, terán preferencia as familias monoparentais empadroadas no Concello de Ames. En segundo lugar, están os nenos e nenas empadroados no Concello. En terceiro lugar estarán os nenos que non estando empadroados están matriculados nun centro educativo de Ames ou os seus pais/nais traballan no territorio municipal de Ames. En quinto lugar figuran os nenos/nenas non empadroados. En todos os campamentos reservarase un 10% das prazas para casos de emerxencia social.

Para facilitarlles o pagamento aos pais/nais permítese o seu fraccionamento. O primeiro prazo, do 50% abonarase co novo modelo de autoliquidación e farase nas datas de matrícula (do 24 de maio ao 5 de xuño), mentres que o segundo prazo será do 6 ao 17 de xuño. Ademais, haberá descontos no custo para usuarios de familias numerosas. Para explicar todas estas cuestións, haberá reunións informativas tanto en Bertamiráns como no Milladoiro.

Para ampliar calquera outra información dos campamentos de verán poden poñerse en contacto co Concello de Ames a través do correo electrónico auladanatureza@concellodeames.org e do número 660 004 665 para os campamentos de Infantil e Primaria e omix@concellodeames.org e 616 083 229 para o campamento xuvenil.