[23-02-2012] O Concello de Ames e a Mancomunidade do Barbanza están desenvolvendo unha campaña para fomentar a reciclaxe. Trátase dunha campaña de concienciación sobre a separación en orixe dos residuos sólidos urbanos. Repartirase un trío de bolsas de rafia co obxectivo de facilitar a separación na casa do vidro, plástico e papel segundo a cor da bolsa. Debido á ampliación da campaña tamén se incrementan os días nos que se repartirán as bolsas de reciclaxe. A campaña desenvolverase os días 29 de febreiro e 1, 2, 5 e 6 de marzo na Casa da Cultura de Bertamiráns, mentres que na Casa da Cultura do Milladoiro realizarase os días 7, 8, 9, 12 e 13 de marzo. Para poder recoller as bolsas, os veciños/as terán que achegar unha carta sobre esta campaña, que previamente xa se lle enviou aos seus domicilios.
Dende a Concellaría de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade lembran que a xeración de lixo é un dos grandes problemas ambientais de hoxe en día. Os residuos sólidos urbanos do Concello de Ames teñen como destino o Complexo Medioambiental do Barbanza, situado en Lousame, que conta cun sistema de tratamento de residuos respectuoso co medio ambiente, baseado na reciclaxe dos envases e no tratamento da materia orgánica para a elaboración de compost. A maior parte do lixo que xeramos pode reciclarse. Para iso hai que separar os distintos tipos de residuos e depositalos no colector correspondente.
Co obxectivo de concienciar a veciñanza amiense da importancia da reciclaxe e da separación en orixe dos residuos sólidos urbanos o Concello de Ames e a Mancomunidade Serra do Barbanza van desenvolver unha campaña que consistirá na achega dun trío de bolsas de reciclaxe para a correcta separación do vidro, plástico e papel co obxectivo de facilitar a separación na casa e logo o seu depósito no colector correspondente.
A veciñanza amiense poderá obter esta bolsa, de xeito gratuíto, na Casa da Cultura de Bertamiráns e O Milladoiro. Debido á ampliación da campaña tamén se incrementan os días nos que se repartirán as bolsas de reciclaxe. A campaña desenvolverase os días 29 de febreiro e 1, 2, 5 e 6 de marzo na Casa da Cultura de Bertamiráns, mentres que na Casa da Cultura do Milladoiro realizarase os días 7, 8, 9, 12 e 13 de marzo, en horario de 09:00 h a 14:00 horas e de 16:30 h a 21:00 horas. Para poder recoller as bolsas os veciños/as terán que achegar unha carta sobre esta campaña, que previamente xa se lle enviou aos seus domicilios.
A Mancomunidade do Barbanza repartirá un trío de bolsas de rafia co obxectivo de facilitar a separación na casa do vidro, plástico e papel segundo a cor da bolsa. Deste xeito, os veciños/as disporán de tres bolsas diferentes. Na bolsa azul depositarán o papel e o cartón; na bolsa verde poderán deixar o vidro e na bolsa amarela porán os envases de plástico, latas e bricks. Ademais, a veciñanza amiense xa dispón dun caldeiro que foi distribuído pola Mancomunidade do Barbanza nunha campaña anterior. Neste caldeiro poden depositar os residuos orgánicos (restos de comida, tanto crus como cociñados, follas secas, etc.) para despois deixalo no colector pequeno de tapa verde. Cumprindo estas normas de separación conseguiremos manter o concello máis limpo e ser máis respectuosos co medio. Lembra que separar para reciclar é cousa de todos/as.
Servizo de recollida de cartón
Dende o pasado mes de outubro o Concello de Ames está prestando o servizo de recollida selectiva porta a porta de cartón para os comerciantes do polígono industrial Novo Milladoiro e para o pequeno e mediano comercio. O obxectivo deste servizo é facilitar aos comercios a correcta xestión destes materiais e o cumprimento das obrigas impostas pola lexislación vixente. Os colectores de papel e cartón (azuis) están preparados para recibir o papel e cartón procedente dos fogares e xeralmente vense saturados e desbordan co cartón dos comercios. Para evitar esta situación, manter limpo o noso concello e mellorar a imaxe das nosas rúas, púxose en marcha este servizo. Con esta acción ademais contribúese á mellora do medio ambiente garantindo que o papel e o cartón dos comercios se recicla.
Os comerciantes deben pregar os cartóns e sacalos á beirarrúa axeitadamente amontoados e pregados, sen obstruír o paso dos peóns. O persoal de recollida percorrerá as rúas comerciais e recollerá todo o cartón amontoado e depositado polos/as comerciantes na ruta e días establecidos. A recollida do cartón polo polígono Novo Milladoiro realízase os xoves a partir das 11:00 horas, mentres que para o pequeno e mediano comercio levase a cabo os luns e xoves dende as 17:00 horas. Este servizo é totalmente gratuíto.




