Pestanas principais

Amplíase ata o venres 13 de febreiro o prazo de inscrición para os concursos de Entroido do Concello de Ames

Martes, 10 de febreiro de 2026

O Concello de Ames, a través das Concellaría de Promoción Económica, Cultura e Educación, e xunto coa colaboración da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), organiza a programación de Entroido 2026. Dita programación desenvolverase do sábado 14 ao luns 16 de febreiro cunha ampla variedade de actividades dirixidas ao público adulto e infantil. O prazo de inscrición para o concurso e desfile do Milladoiro, que se vai realizar o domingo 15, e para a festa infantil de disfraces do luns 16 de febreiro en Bertamiráns, estará aberto ata o venres 13 de febreiro. Ademais, na festa infantil de disfraces pódense realizar inscrición o propio o luns 16 de febreiro, de 16.00 a 16.30 horas, na carpa que estará instalada na praza da Maía.

O Entroido do Concello de Ames comezará o sábado, 14 de febreiro, coa festa de Entroido. De 16.30 a 19.30 horas os integrantes da charanga Os Celtas serán os encargados de amenizar a festa polas rúas de Bertamiráns. Ademais, ás 17.00 horas, o alumnado da academia de baile Danzaya realizará unha exhibición de baile na praza da Maía.

Xa o domingo, 15 de febreiro, chegará a quenda do concurso de disfraces e o desfile no Milladoiro. Nesta edición haberá tres categorías: a individual, para unha ou dúas persoas, e que terá premios de 100 euros para o primeiro clasificado, 75 euros para o segundo e 50 euros para o terceiro; grupos de entre 3 e 10 persoas, con premios de 300 euros para o primeiro clasificado, 200 euros para o segundo e 100 euros para o terceiro; e grupos grandes de máis de 10 persoas, con premios de 500 euros para o primeiro clasificado, 300 euros para o segundo e 150 euros para o terceiro.

O desfile dará comezo ás 17.00 horas dende o aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro e estará amenizado polo grupo Os Charangos de Neda. Ás 18.30 horas comezará a entrega de premios, tamén no aparcadoiro da Casa da Cultura, antes de dar paso ao fin de festa co Dúo Infinito, formado por dúas artistas mozas de Ames.

O luns 16 de febreiro tócalle aos máis pequenos lucir os seus disfraces. Os nenos e nenas de ata 12 anos poderán participar no concurso de disfraces infantil, que a diferenza do de maiores, só terá dúas categorías: individual, con premios de 100 euros para o primeiro clasificado, 75 euros para o segundo e 50 euros para o terceiro; e en grupo, con 300 euros para o primeiro clasificado, 200 euros para o segundo e 100 euros para o terceiro.

Inscricións para os concursos de disfraces
Para poder participar tanto no concurso de adultos como no infantil, deberanse enviar as solicitudes de inscrición ao enderezo de correo electrónico entroidoames@gmail.com. O prazo de inscrición ampliouse ata o venres 13 de febreiro

No caso do concurso infantil tamén se aceptarán inscricións de xeito presencial o propio luns 16 de febreiro, de 16.00 a 16.30 horas, na carpa que estará instalada na praza da Maía. Os/as nenos/as que se inscriban o día do concurso non disporán de música propia, facilitándolle música xeral. 

As bases para ambos concursos están publicadas na web e poden consultarse na seguinte ligazón para os adultos e nesta para os nenos e nenas.

Amplíase ata o venres 13 de febreiro o prazo de inscrición para os concursos de Entroido do Concello de Ames

Multimedia

  • Amplíase ata o venres 13 de febreiro o prazo de inscrición para os concursos de Entroido do Concello de Ames
  • Amplíase ata o venres 13 de febreiro o prazo de inscrición para os concursos de Entroido do Concello de Ames