[24-09-2015] O Concello de Ames, a través da concellaría de Normalización Lingüística, informa de que se amplía ata o 29 de setembro o prazo para inscribirse nos obradoiros de lingua e cultura, “En galego, co teu acento”. As inscricións poden facerse tanto presencialmente, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, ou nas Oficinas municipais de Milladoiro (Rúa de Abaixo, número 10), como a través do teléfono, chamando aos seguintes números: 662 377 215 / 981 884 991 (Bertamiráns) e 981 525 349 (O Milladoiro).
Os obradoiros de lingua e cultura desenvolveranse en Bertamiráns e no Milladoiro. En Bertamiráns as clases impartiranse no Pazo da Peregrina, desde o 1 de outubro ata o 9 de novembro, en horario de 9:30 h a 11:00 h, de luns a xoves. No Milladoiro, o obradoiro impartirase na Casa da Cultura desde o 11 ata o 23 de novembro, de luns a venres e en horario de 9:00 h a 10:00 horas. Os obradoiros duran un total de 30 horas, son gratuítos e hai 20 prazas para cada unha das localidades.