Pestanas principais

Amplíase ata o 15 de novembro o prazo para participar no V Certame de Fotografía Comercial-Empresarial organizado pola Asociación de empresarios do parque empresarial Novo Milladoiro

Martes, 06 de novembro de 2018

[06-11-2018] A Asociación de empresarios do parque empresarial Novo Milladoiro amplía ata o 15 de novembro o prazo para participar no concurso fotográfico, que organiza en colaboración coa Concellaría de Promoción Económica e Turismo, a asociación de pequenos comerciantes Palmira Bulebar e a asociación de comerciantes de Bertamiráns. Este ano a temática do concurso xira en torno ao propio parque e a visión da empresa actual, sobre a que se pode enviar unha imaxe por participante, coa que se axuntará o título da obra e os datos persoais do autor/a. O 20 de decembro daranse a coñecer os nomes das persoas gañadoras nunha gala que se celebrará no salón de actos da Casa de Cultura do Milladoiro.

A través do V Certame de Fotografía Comercial-Empresarial, a asociación de empresarios do parque empresarial Novo Milladoiro busca compartir imaxes de calidade, creando unha estética das construcións eminentemente funcionais, que están situadas no parque empresarial do Milladoiro. As fotografías, que deben xirar arredor dunha temática eminentemente comercial e empresarial, poden ser realizadas con calquera tipo de técnica e estilo, sempre que prime un enfoque comercial da fotografía. Así, o concurso está aberto a todas as persoas que o desexen, con independencia do seu lugar de orixe e sen límite de idade, aínda que os mozos e mozas menores de 18 anos incluiranse directamente na categoría xuvenil-infantil.

Para participar neste certame, que é de inscrición gratuíta, cada participante ten que enviar unha fotografía, orixinal e inédita, que pode estar realizada con calquera técnica fotográfica, ben sexa en cor ou en branco e negro. As obras presentadas poden ser das instalacións, incluída a fachada da nave, do equipo humano, dos produtos, dos eventos ou de calquera actividade económica que as empresas realicen na súa localización.

As obras poden ser realizadas con calquera tipo de técnica e estilo, sempre que prime o enfoque comercial da fotografía, posto que o obxectivo é crear unha estética do parque empresarial Novo Milladoiro ou das actividades económicas que alí se desenvolven. Así, estarán inscritas no campo do fotodocumentalismo, fotoxornalismo ou reportaxe en xeral. Tan só deben adaptarse á temática económica, e ser realizadas dentro do termo xeográfico do polígono do Milladoiro, valorándose especialmente as obras que reflictan os elementos más representativos e identificables das empresas.

Envío de fotografías ata o 15 de novembro
As bases do certame limitan as obras dos participantes a unha fotografía por persoa, que debe ser enviada xunto co título da obra e os datos persoais do participante á dirección de correo electrónico: certamefotografico@aenovomilladoiro.com. Ademais, é imprescindible que as fotografías enviadas vaian identificadas cos datos do autor/a: nome, apelidos, data de nacemento, número de carné de identidade, dirección e teléfono de contacto (preferiblemente móbil). O prazo de presentación de fotografías esta aberto ata o 15 de novembro de 2018. Para máis información pódese entrar na seguinte ligazón: http://www.aenovomilladoiro.com/noticia/ampliaci%C3%B3n-do-prazo-de-entrega-no-v-certame-de-fotograf%C3%ADa-comercial-parque-empresarial-de-o-millad-3097.html

Asemade, entre o 20 de novembro e o 28 de decembro realizarase unha exposición na Casa de Cultura do Milladoiro. No caso en que o número de obras presentadas sexa superior a 60 na categoría de adultos e 40 na categoría infantil, o xurado elixirá as que se expoñen, debido á limitación da sala de exposicións.

O concurso divídese en dúas categorías: adultos para maiores de 18 anos e xuvenil-infantil para menores de 18 anos. Na categoría de adultos repartiranse tres premios: o primeiro premio será de 300 euros, o segundo de 200 euros e o terceiro de 100 euros, ademais dun diploma acreditativo que se entregará a cada participante. Na categoría xuvenil-infantil, pola súa banda, repartiranse vales para material fotográfico por valor de 75, 50 e 40 euros, dependendo do posto no que se quede, máis un diploma acreditativo.

O certame rematará coa gala de entrega de premios, que se celebrará o venres, 20 de decembro, ás 20:30 horas, no salón de actos da Casa de Cultura do Milladoiro.