[09-11-2016] O Concello de Ames informa, a través da Concellaría de Educación e Cultura, da ampliación do prazo de solicitude das axudas para material escolar, fixado inicialmente até o 12 de novembro. Esta convocatoria está aberta ás familias amesás con fillos ou fillas en segundo ciclo de educación infantil no curso 2016-2017. A solicitude deberase entregar nas oficinas do rexistro xeral da Casa do Concello, en Bertamiráns.
Á dereita deste artigo, baixo o apartado de descargas, pódese acceder á información completa das bases desta convocatoria, así como aos documentos que se deberán presentar no momento de entregar a solicitude. O horario do rexistro xeral é de 9:00 a 14:00 horas de luns a venres.
As persoas solicitantes deben estar empadroados e residir no concello de Ames; estando os alumnos ou alumnas matriculados neste curso escolar nun centro de ensino sostido con fondos públicos. Os nenos e nenas beneficiados cursarán a segunda etapa do nivel de educación infantil (entre 3 e 5 anos). Ademais a renda per cápita da unidade familiar, sumando os ingresos percibidos por todas as persoas membros no exercicio do 2015, non deberá superar o 100% do indicador IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples) anual, fixado para ese mesmo ano na cantidade de 7.455,14 euros.
Os requisitos que deberán cumprir os solicitantes son estar empadroados e residir de modo efectivo no Concello de Ames no momento da solicitude; as/os alumnas/os para os que se solicita as axudas deben estar matriculados no curso escolar 2016/2017 en centros de ensino sostidos con fondos públicos no nivel de educación infantil (2ª etapa, de 3 a 5 anos); e que a renda per cápita da unidade familiar, computando os ingresos percibidos por todos os seus integrantes no exercicio 2015, non fora superior ao 100 % do IPREM anual con pagas extras fixado para o exercicio 2015 na cantidade de 7.455,14 euros. As contías a entregar ao abeiro desta convocatoria non poden superar os 120 euros por alumno ou alumna.
As axudas teñen límites económicos por alumno/a que se establecen nas bases da convocatoria. Deste xeito, as unidades familiares cunha renda per cápita de menos do 50% do IPREM recibirán un importe máximo de axuda de 120 euros; as que conten cunha renda per cápita do 50% ata o 75% do IPREM, recibirán 100 euros, e para as unidades familiares con renda per cápita do 75% ao 100% do IPREM a axuda será de 80 euros.