Pestanas principais

Amplíase ata o 12 de setembro o prazo para participar nas convocatorias de axudas para a promoción de festas populares e de actividades levadas a cabo por asociacións culturais

Martes, 29 de agosto de 2017

[29-08-2017] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a ampliación do prazo para que as entidades culturais, asociacións veciñais e comisións de festas presenten as súas solicitudes para optar ás convocatorias de axudas municipais para a promoción de festas populares e de actividades culturais (exercicio 2017). O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 12 de setembro. Deste xeito ampliase en 15 días o prazo de presentación. As solicitudes poden ser presentadas tanto no Rexistro Municipal da Casa do Concello e no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, así como nas Oficinas Xerais do Milladoiro. O Rexistro Municipal permanece aberto de luns a venres, en horario de 9:00h a 14:00 horas. Na sección de CONVOCATORIAS da web municipal pódense consultar as bases e anexos destas dúas liñas de axudas.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que “a ampliación en 15 días do prazo inicialmente establecido para a presentación de solicitudes a estás dúas convocatorias de axudas, débese principalmente á petición que fixeron varias asociacións culturais e de veciños para que lles dese tempo de achegar toda a documentación que se require nas bases. O prazo de presentación coincidía en pleno mes de agosto, un período no que moitas persoas están de vacacións, polo que nos pareceu axeitado amplialo ata mediados do mes de setembro”.

Para a realización de actividades levadas a cabo por parte de asociacións culturais (exercicio 2017) destínase un total de 40.000 euros. A estas subvencións, poderán optar todas as asociacións culturais ou veciñais do concello de Ames, que realicen actividades de índole cultural. Estas asociacións deben estar legalmente constituídas e deben figurar inscritas no rexistro municipal de asociacións, cos datos de inscrición debidamente actualizados. Cumpridas estas condicións, as asociacións poderán obter ata un máximo do 80% do orzamento total das actividades de índole cultural desenvolvidas, así como da adquisición de material inventariable.

Os obxectivos desta liña de axudas son achegar a cultura á veciñanza, a creación e mantemento dunha vida cultural estable dentro do ámbito territorial do Concello de Ames e a promoción da participación activa da veciñanza amesá en actividades de índole cultural, que presentan un claro interese público. Por este motivo, non se subvencionarán viaxes que non acrediten o seu carácter eminentemente cultural, a realización de obras ou o pagamento de gastos correntes como facturas telefónicas ou da luz.

Promoción de festas populares
Para a promoción de festas populares durante este 2017, está destinada unha contía de 29.500 euros. A estas achegas económicas poderán optar aquelas asociacións culturais amesás, que estean legalmente constituídas e que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións, cos datos de inscrición actualizados. Neste caso, poderán ser subvencionadas, ata un máximo do 50% do presuposto total, aquelas actividades asociadas á celebración de festas populares.

No tocante a esta liña de axudas para a promoción de festas, o que se procura é a existencia dunha programación festiva estable, a participación activa da veciñanza nas festas, a preservación das tradicións existentes nas distintas parroquias do Concello e a difusión da imaxe de Ames a partir das súa oferta festiva.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 12 de setembro. Deste xeito ampliase en 15 días o prazo de presentación. As solicitudes poden ser presentadas tanto no Rexistro Municipal da Casa do Concello e no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, así como nas Oficinas Xerais do Milladoiro. O Rexistro permanece aberto de luns a venres, en horario de 9:00h a 14:00 horas.

Subvencións de concorrencia competitiva
Este ano, a Concellaría de Educación e Cultura unificou dentro dunha mesma convocatoria as diversas liñas de axudas de concorrencia competitiva e con criterios obxectivos existentes. Da mesma maneira, tamén eliminou as subvencións nominativas que se viñan concedendo en edicións anteriores. Cómpre destacar tamén que as bases das axudas ás asociacións culturais e á realización de festas populares foron modificadas no pasada ano, despois de abrir un proceso de participación no que interviron diversas asociacións culturais e agrupacións de veciñas e veciños.

Contido relacionado


Lindeiros: "Ames amplía 15 día o prazo das axudas as festas populares e asociacións culturais"