Pestanas principais

A ampliación do horario das bibliotecas municipais está tendo moi boa aceptación entre a veciñanza amiense

Mércores, 08 de maio de 2013

[08-05-2013] Dende que comezou o mes de maio as bibliotecas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro dispoñen dun horario máis amplo, que vai dende as 8:30 ata as 21:00 horas, de luns a venres, de xeito ininterrompido. As fins de semana as bibliotecas municipais abren os sábados, en horario de 09:00 a 14:00 horas. Esta ampliación do horario das bibliotecas municipais está tendo moi boa aceptación entre a veciñanza amiense. Son moitos os rapaces e rapazas que están acudindo a estas instalacións municipais para preparar os seus exames. A ampliación do horario de apertura permitiu reforzar o servizo que ofrecen as bibliotecas municipais de Bertamiráns e Milladoiro, especialmente na época de exames. Isto permite dispoñer da zona de estudos durante un horario máis amplo.

O Concello de Ames, a través da concellería de Educación, decidiu ampliar o servizo que ofrecen as bibliotecas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro coa ampliación do seu horario de apertura. Deste xeito, douse cumprimento a unha importante demanda que viñan manifestando os usuarios/as das bibliotecas municipais de Ames. Esta modificación tamén permitiu que o persoal das bibliotecas poida traballar a quendas rotatorias, en lugar de facelo a xornada partida, mellorando deste xeito as súas condicións laborais e facilitando a conciliación de vida laboral e familiar.

Sesións de contacontos para o mes de maio
Por outra banda, a biblioteca municipal xa ten pechada a programación de contacontos para o mes de maio. Durante este mes a temática das sesións de contos xirará arredor dos oficios. Os nenos e nenas de 3 a 8 anos aínda están nunha fase de recoñecemento do contorno no que viven. Nesa exploración curiosa, que os máis pequenos fan de todo o que os rodea, teñen moita importancia os oficios. Nesta etapa do seu desenvolvemento, os nenos e nenas teñen moito interese sobre as distintas profesións que desempeñan os adultos cos que se relacionan. A esta curiosidade váiselle dar resposta a través destas sesións de contacontos.

Estas actividades desenvolveranse nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais de Aguapesada e Bugallido. As sesións de contacontos comezan o mércores, 8 de maio, na biblioteca municipal do Milladoiro, e continúan o luns 20 de maio no local social de Augapesada. O martes 21 tócalle a quenda aos rapaces e rapazas que acudan ao local de Bugallido, mentres que o mércores 22 as sesións de contacontos desenvolveranse na biblioteca de Bertamiráns. A última sesión de contacontos do mes de maio será o xoves 23 na biblioteca municipal do Milladoiro.

Os contos que se lerán nas sesións de contacontos de maio serán Vanesa non quere ser princesa; El hombre de la luna; O traxe novo do rei; Paco Papán; Mi laberinto; e ¿Qué seré cuando sea mayor?. Todas as sesión de contacontos realizaranse ás 18:00 horas.

Obradoiros sobre oficios
A primeira sesión rematará coa elaboración dun astronauta con tubos de papel. Na segunda, a manualidade protagonista será un pequeno libro de profesións nas que o uniforme que identifica a cada profesional é intercambiable; os rapaces terán que recortalo e pintalo para despois poder xogar con el.

Na última sesión de contacontos con esta temática, que será tamén a última sesión de contacontos do curso, pediráselle colaboración a algúns pais, que estean dispostos, para que veñan falarnos (utilizando contos, xogos...) da súa profesión. A interacción cos pais/nais nas actividades de animación á lectura sempre é positiva xa que eles tamén son uns mediadores fundamentais entre a lectura e os máis pequenos.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "A ampliación do horario das bibliotecas municipais está tendo moi boa aceptación entre a veciñanza amiense"