- Tematica
O certame de música infantil e xuvenil “Quero cantar” celebra este domingo, 23 de abril, a súa final, na que se darán a coñecer os gañadores desta edición. A gala terá lugar no Teatro Colón, na Coruña, ás 17:30 horas, e contará cunha ampla representación amesá: na categoría infantil é finalista a peza “Guitarristas de Barouta” (do grupo de guitarra do CEIP de Barouta), e na xuvenil están nomeados Raquel Barreiro e a formación “Euterpe”, composta por alumnado de todos os niveis do IES do Milladoiro. Os convites para asistir, que son de balde, poden descargarse a través desta ligazón.
O concurso de música infantil e xuvenil “Quero cantar” xa ten finalistas. As seis solistas e formacións seleccionadas terán a oportunidade de interpretar os seus temas en directo na gala final, que terá lugar no Teatro Colón o 23 de abril, ás 17:30 horas. Nesta gala, que estará presentada pola actriz e contadora Soledad Felloza, escolleranse ás formacións gañadoras e contará coas actuacións dunha banda e dunha solista convidadas: Bonhomía e Noelia Perpetuo, gañadoras da anterior edición deste concurso.
Os finalistas da VI edición do “Quero cantar” foron seleccionados por un xurado composto por persoas vinculadas profesionalmente ao mundo da música: Pablo Díaz, Paco Cerdeiras, Laura Romero, Laura Iglesias e Carmen Rey Quintela. O xurado estivo presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto, e actuou como secretaria a xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes, Mercedes Fernández- Albalat. Tamén estivo presente, sen voz e sen voto, o comisario do concurso, Tono Formoso.
Categorías e finalistas
O “Quero cantar” contempla dúas modalidades: infantil (ata 12 anos con presenza dunha persoa adulta), e xuvenil (de 13 a 16 anos). Na gala final, o xurado estará composta por nenos e nenas e por mozos e mozas do mesmo abano de idade que as bandas e solistas seleccionadas para a final. Nesta ocasión, dos seis finalistas, tres proceden do Concello de Ames.
Na categoría infantil están nomeados os “Guitarristas de Barouta”, o grupo de guitarra do CEIP de Barouta que está conformado por alumnos e alumnas de Miguel Alonso. Foi nas súas aulas onde compuxeron a súa primeira canción, na que falan da inclusión no patio e nos xogos.
Por outra banda, tamén é finalista "O ritmo dos soños", que naceu dentro do coro do CEIP de Caión (A Laracha) co obxectivo de presentarse ao concurso. A banda está formada por unha alumna e un alumno de segundo de primaria, unha alumna de terceiro, dous de quinto, seis de sexto e polo mestre de música do centro.
Por último, “Os termais” son un grupo dun colexio de Cortegada, na comarca do Ribeiro. A banda está composta por compañeiros e compañeiras de cuarto, quinto e sexto de Primaria. Indican que a escolla do nome provén da concentración de augas termais que se dá na zona, tendo Cortegada varios balnearios.
Na categoría xuvenil destaca a presenza de Raquel Barreiro, unha moza de 16 anos de Ames que escribe as súas propias cancións. Estuda guitarra, canto e frauta traveseira. Xa participou no “Quero Cantar”, na categoría de Primaria, en varias ocasións, chegando á final coa banda “As estrelas do rock”. Tamén pertenceu a outras bandas como “Ramalloss” ou “Trece”.
Tamén en representación de Ames, é finalista “Euterpe”, unha formación composta por alumnado de todos os niveis educativos do IES do Milladoiro, coordinada polo profesor de música Manolo Maseda. Presentáronse ao “Quero cantar” cun tema composto a partir dunha chuvia de ideas sobre os e as compoñentes da banda e as súas circunstancias vitais.
Para finalizar, está nomeada "Temos terras", formada por Alejandra Saavedra (guitarra e voz) de Teo e Lucas Arango (piano e voz) de Santiago de Compostela, ambos cunha ampla formación musical desde a infancia.