Pestanas principais

A amesá Nadia Iglesias de Salvador proclámase campioa de España de patinaxe

Sábado, 16 de xullo de 2016

[16-07-2016] A patinadora Nadia Iglesias de Salvador proclamouse este mes de xullo en Alcoy (Alacante) campioa de España de patinaxe artístico na categoría xuvenil. A patinadora clasifícase así para o Campionato de Europa que se celebrará en agosto en Alemaña. Veciña de Ames, estudante no IES de Ames, esta deportista conta na súa traxectoria en torneos internacionais cun cuarto posto na Copa de Europa de 2013 e o quinto na de 2014.

O salón municipal Francisco Laporta de Alcoy (Alacante) acolleu a primeira fin de semana de xullo a XXIV edición do Campionato de España de patinaxe. Na categoría xuvenil de patinaxe artístico libre feminina, con case 40 puntos de vantaxe sobre a segunda clasificada, a galega Nadia Iglesias Salvador proclamouse campioa. No campionato, na mesma categoría que Nadia, participaron outras catro patinadoras galegas: Iria Boullosa, Valeria Mena, Ana Arias e Claudia Tordable.

A patinadora explica que a súa carreira sobre rodas empezou sendo moi nova: con catro anos calzouse os seus primeiros patines e “aos cinco xa empecei a competir”. Admite que este campionato foi o mellor que fixo ata o de agora. “O programa longo saíume case perfecto, os resultados están aí”, explica a patinadora. As dúas coreografías coas que competiu, a de maior duración ou programa longo e a de menor, o programa curto, foron creadas para ela polo coreógrafo arxentino Daniel Arriola.

Durante o curso, ademais de adestrar “tres días á semana na Coruña” empregou a miúdo “o pavillón polideportivo de Bertamiráns”. Alí adestra con Rosa García, do club ao que se mudou fai un ano, o CPA Maxia. Nadia admite que foi Rosa a que lle devolveu “as ganas e a ilusión por competir”. Esta mesma coreografía será a que repetirá en agosto no Campionato Europeo de Patinaxe.

O ano que vén Nadia subirá de categoría e comezará a competir na júnior. Isto, nas súas palabras, supón un novo reto ao permitirlle clasificarse “para un campionato mundial”. “É moi difícil”, confesa, “pero traballarei duro e intentareino”. Explica que para ela compaxinar adestramentos -estas semanas está perfeccionando a súa actuación para o Campionato Europeo- non é moi complicado. Este ano comezará segundo de bacharelato e ten claro que quere que os seus estudos universitarios “estean moi ligados á vida deportiva, quero estudar INEF e Fisioterapia”.