Pestanas principais

Ames, xunto a outros concellos da comarca, participa nunha xuntanza na que a Xunta presenta a proposta de comarcalización do parque de bombeiros

Xoves, 08 de febreiro de 2018

[08-02-2018] Este mércores, 7 de febreiro, realizouse en Santiago de Compostela unha xuntanza na que o director xeral de Emerxencias, Luis Menor, e o xerente da Axega, Marcos Araújo, presentaron o Plan de comarcalización do parque de bombeiros de Santiago. A dita xuntanza asistiu o alcalde de Ames, José Miñones, xunto a outros rexedores dos municipios da contorna que sairán beneficiarios con esta medida. O Concello de Ames, o único de máis de 20.000 habitantes implicado no proceso, manifestou a necesidade de acelerar o proceso e colaborar activamente no proceso. O resto de municipios beneficiados expresaron a súa satisfacción pola medida e polo acordo político alcanzado entre Xunta, Deputación e Concello de Santiago.

Dende o Concello de Ames reciben con esperanza este novo acordo alcanzado entre Xunta, Deputación e Concello de Santiago, de cara a solucionar un problema que leva moitos anos sen ter unha solución. En dita reunión participaron o director xeral de Emerxencias, Luis Menor, o xerente da Axega, Marcos Araújo, os alcaldes dos concellos implicados no proceso e mailo concelleiro de Santiago, Xan Duro. Neste encontro déronse a coñecer os detalles específicos do plan que se quere desenvolver en Santiago Compostela. Tamén se falou do plan que se pretende desenvolver na contorna das sete grandes cidades galegas.

A comarcalización do parque de bombeiros de Santiago prestaría servizo a case 200.000 persoas. Oito concellos recibirían atención directa (Santiago, Ames, Boqueixón, O Pino, Oroso, Teo, Trazo, Vedra) e, nunha primeira estimación, outros tres terían servizo de xeito complementario (Brión, Padrón e Rois), aínda que terán que ser os traballos técnicos os que definan o modelo ao detalle. Ames, como concello de máis de 20.000 habitantes, deberá colaborar economicamente no proceso, tal e como establece a lexislación, solicitándose por parte do alcalde a equidade na achega económica co resto de Concellos que estean nas mesmas condicións. O obxectivo co que se traballa é conseguir a comarcalización de Santiago durante este ano de 2018 e a posta en marcha en 2019.

José Miñones, na reunión mantida onte en Santiago, fixo referencia á parcela que actualmente ten cedida o Concello de Ames para a construción do parque comarcal de bombeiros e anunciou que “ante este acordo solicitaremos este mesmo mes no Pleno a reversión de dita parcela, situada no Milladoiro, para poder ser usada de cara aos investimentos da Estratexia DUSI”. O rexedor amesán tamén mostrou interese en coñecer si no acordo acadado está contemplado a adquisición de novos equipos e vehículos, algo que aínda se atopa no aire, pedindo que se avance o antes posible nestes outros aspectos claves para o proceso.

Equidade na achega económica
O Concello de Ames tamén solicitou que exista equidade, no caso de ter que facerse unha achega económica, por parte dos Concellos de máis de 20.000 habitantes, debido á obriga legal de posuír un parque propio. Asemade, instouse á Xunta para que elabore un calendario onde se marquen as datas das accións que hai que poñer en marcha nos vindeiros meses, facendo fincapé no acordo de alcaldes subscrito hai máis dun ano no que se pedía celeridade na resolución de dito problema.

Por último, José Miñones sinala que “de ter un parque comarcal de bombeiros no 2019, tal e como se prevé, será todo un logro do que sentirnos sumamente agraciados despois de tantos anos con este asunto bloqueado. As bases están postas, a vontade política existe, e o Concello de Ames seguirá colaborando activamente na resolución deste problema”.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El problema de la plantilla amenaza la implantación del parque comarcal"
Lindeiros: "A proposta de novo parque de bombeiros comarcal foi presentada aos concellos da bisbarra"
La Voz de Galicia: "Ames es el único municipio del área que contribuirá al parque comarcal"
La Voz de Galicia: "Ames reclamará la parcela que cedió para el parque de bomberos y apoyará cualquier ubicación"