Pestanas principais

Ames Xadrez consegue unha vitoria e dous podios nos torneos provinciais de xadrez por idades

Mércores, 15 de febreiro de 2023

Un total de once nenos e nenas da escola municipal e do club Ames Xadrez participaron nos torneos provinciais de xadrez que tiveron lugar os días 4, 5 e 12 de febreiro na Coruña e en Cambre. Os rapaces puideron gozar dunha xornada na que compartiron experiencias e divertimento con outros xogadores, intercambiando ademais os seus coñecementos. Cabe destacar a actuación do pequeno Sergio Calvo, que logrou un pleno de vitorias, o segundo posto de Nico Amado na categoría sub14 e o terceiro lugar de Noel Leis, na competición sub12.

Once nenos participaron nos torneos provinciais de xadrez por idades que se celebraron a comezos deste mes como parte da Escola Ames Xadrez. A nivel de resultados, destacan o triunfo de Sergio Calvo (con pleno de vitorias) e o terceiro posto logrado por Noel Leis, na categoría sub12. Ambos tiveron que competir contra outros oitenta rapaces, inscritos na mesma competición. Así mesmo, resaltou a actuación de Nico Amado, que logrou acadar a prata na categoría sub14.

Aínda que non lograron entrar en posicións de podio, outros rapaces e rapazas da escola acadaron resultados moi satisfactorios, como Fernando Carregal, que quedou cuarto en sub8, e Unai Casares, tamén cuarto en sub10 (empatado co terceiro). Lograron o mesmo resultado Adriana López (sub8) e Alejandro López (sub10). Ámbolos dous puideron entrar no podio gañando a última partida das súas respectivas categorías.

Dende Ames Xadrez poñen en valor a actuación de Marco Carbajal, que se estreou nun torneo oficial na categoría sub8, de Ariadna López (que xogou nunha categoría superior). Así mesmo, tamén resaltan o gran papel de Diego Carballo e Sergio Munín en sub10; e de Unai Casares, Alejandro López e Noel Leis, que tamén participaron nunha categoría superior (os dous primeiros na sub12, e o último na sub14).

Varios dos participantes nos torneos

Multimedia

  • Ames Xadrez consegue unha vitoria e dous podios nos torneos provinciais de xadrez por idades
  • Ames Xadrez consegue unha vitoria e dous podios nos torneos provinciais de xadrez por idades
  • Ames Xadrez consegue unha vitoria e dous podios nos torneos provinciais de xadrez por idades
  • Ames Xadrez consegue unha vitoria e dous podios nos torneos provinciais de xadrez por idades