Pestanas principais

Ames volverá a ter un novo Encontro Intercultural este sábado 14 de decembro

Martes, 10 de decembro de 2019

Este sábado 14 de decembro, a partir das 17.00 horas, celebrase en Ames un novo Encontro Intercultural con motivo das festas do Nadal. Terá lugar nunha carpa habilitada no aparcadoiro de A Telleira. Ademais da degustación de pratos típicos de diferentes nacionalidades, os asistentes poderán desfrutar de obradoiros e música do Nadal, ademais de poder presenciar a inauguración da Exposición acerca dos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible cedida polo Fondo Galego de Cooperación.

O departamento de Servizos Sociais do Concello de Ames invita á toda a veciñanza a asistir a un novo Encontro Intercultural este sábado 14 de decembro. Os que así o fagan, poderán degustar de sobremesas típicos de diferentes nacionalidades realizados por veciños e veciñas de Ames, procedentes de Marrocos, Timor  Oriental, Bosnia, Angola, Colombia, Brasil, Guatemala e Venezuela. Asemade, haberá obradoiros de galletas e decoración de Nadal, para compartir unha tarde agradable entre veciños.

Ademais, está programada a inauguración e presentación da exposición fotográfica “Os obxectivos do desenvolvemento sostible. Un camiño para acabar coa pobreza e as desigualdades aquí e acolá” do Fondo Galego de Cooperación Internacional. Unha exposición acerca dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, cedida para que os veciños de Ames a poidan desfrutar que estará dispoñible en diferentes datas en distintos lugares do Concello.

A tarde estará amenizada por música de Nadal procedente de diferentes países que se encontran representados no noso Concello, e ademais, repartirase chocolate quente con rosca entre os asistentes.

Exposición fotográfica do Fondo Galego de Cooperación Internacional
A exposición “Os obxectivos do desenvolvemento sostible. Un camiño para acabar coa pobreza e as desigualdades aquí e acolá” do Fondo Galego de Cooperación Internacional presentarase e inaugurarase o próximo sábado 14 na carpa habilitada para o Encontro Intercultural. Posteriormente, estará exposta para a toda a veciñanza do 16 ao 31 de decembro na Casa da Cultura de Bertamiráns, do 8 ao 16 de xaneiro no IES do Milladoiro e do 16 ao 31 de xaneiro na Casa da Cultura do Milladoiro.

Cada un dos 17 Obxectivos do Desenvolvemento Sostible está representado por unha viñeta dunha autora ou autor, tanto de Galicia como de países africanos da Lusofonía como son Mozambique, Cabo Verde e Guine-Bissau. A través das obras destes 15 debuxantes, preténdese fomentar a reflexión, a nivel local e global, sobre temas como a loita contra a fame, o acceso á saúde e á educación, a equidade de xénero ou a protección do planeta. Ao tempo que se busca concienciar sobre as medidas que cadaquén pode tomar e/ou esixir ao respecto.

Na exposición podemos atopar as sinaturas de Neivaldo Nhatugueja, Iago Araujo, Pablo Rosendo, Roberto Mendes, María Novoa, Alberto Fortes, María Vilar, Jano, Alicia Jaraba, Clara Patiño, Paula Esteban, Noemí López, Laprislazuli, Tokio e Luis Davila. A mostra resulta tamén innovadora polo seu formato, xa que as ilustracións van montadas sobre grandes caixas de cartón, e incorpora asemade unha unidade didáctica, pensada inicialmente para Secundaria.

 

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "Ames celebra un Encontro Intercultural de Nadal este sábado en Bertamiráns"

Encontro Intercultural do Nadal

Multimedia

  • Encontro Intercultural do Nadal
  • Exposición fotográfica ODS Casas da Cultura de Ames
  • Exposición fotográfica ODS IES do Milladoiro