Pestanas principais

Ames volverá acoller o 25 de febreiro a primeira proba do circuíto de carreiras de montaña organizadas por Trail Galaica

Mércores, 14 de febreiro de 2018

[14-02-2018] A primeira proba do circuíto de carreiras de montaña, organizado pola Trail Galaica, estará composta por un itinerario que comezará na Ponte Maceira e rematará nas instalacións do Real Aero Club na Ameixenda. O prazo de inscrición para participar permanecerá aberto ata o vindeiro 22 de febreiro, ás 23:59 horas. A proba, que está organizada polo Concello de Ames, a Federación Galega de Atletismo e Dimenzone, celebrarase o domingo 25 de febreiro.

Baixo o lema “será por monte”, a organización Trail Galaica naceu da man dun grupo de atletas e xente estreitamente ligada ao mundo do deporte, co obxectivo de reivindicar a beleza das paisaxes naturais galegas a través das carreiras de montaña. Neste 2018, o Concello de Ames volve organizar, en colaboración coa Federación Galega de Atletismo, a primeira das probas do circuíto, na cal participaron 270 persoas na pasada edición.

Para participar na carreira é preciso inscribirse, ata o 22 de febreiro ás 23:59 horas, a través da páxina web www.trailgalaica.com. O custe da inscrición será de 15 euros para o Trail (25,26 km) e de 10 euros para o Minitrail (14,46 km). O prezo inclúe o servizo de autobuses que transportará ás persoas participantes, a partir das 9:00 horas, desde o Real Aero Club ata a liña de saída na Ponte Maceira. Ademais, na zona de meta, haberá vestiarios, duchas e servizo de fisioterapeuta.

A recollida de dorsais poderase facer o propio día da proba, a partir das 8:30 horas, nas instalacións do Real Aero Club. A entrega de premios realizarase tamén neste punto ás 13:30 horas. As tres persoas clasificadas en cada proba, no Trail e no Minitrail, serán galardoadas. Así mesmo, tamén haberá premios especiais para os clubs, que se outorgarán tendo en conta a suma dos postos acadados polas cinco primeiras persoas clasificadas de cada equipo. Os premios non serán acumulativos.

Ao longo do percorrido do Trail haberá dous puntos de avituallamento, máis un terceiro que se situará no punto de meta. No primeiro e no terceiro, ofreceráselles ás persoas participantes alimentos líquidos e sólidos, mentres que no segundo as corredoras e corredores so recibirán líquidos. Con todo, por precaución, cada participante deberá levar o seu propio avituallamento ou mochila de hidratación.

Un circuíto composto de seis probas
O concello de Ames acollerá o vindeiro 25 de febreiro a primeira proba do circuíto de carreiras de montaña organizado polo Galaica Trail. O resto de probas desenvolveranse nos Concellos de Muros, Pantón, A Pobra, Santiago e Boborás ata o 30 de xuño. As persoas interesadas en inscribirse nas seis probas que conforman o circuíto 2018 dispoñen dunha oferta de 70 euros no caso do Trail e 50 no caso do Minitrail con cota de inscrición.

Para beneficiarse desta oferta, as persoas interesadas deberán
enviar un correo electrónico ao enderezo info@galaica.com, onde se lles darán as indicacións oportunas para poder realizar a transferencia bancaria.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames abrirá la tercera edición del Trail Galaica"
Compostela 24 horas: "Ames acogerá la primera prueba del circuito de carreras de montaña"