Pestanas principais

Ames vivirá unha semana máxica do 22 ao 25 de outubro coa celebración do XXI Festival Internacional de Maxia

Martes, 06 de outubro de 2026

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu esta mañá a presentación do XXI Festival internacional de Maxia de Ames “FestiMax”, unha das actividades que máis éxito teñen entre a veciñanza amesá. Este festival organizado polo Concello de Ames, en colaboración coa Deputación da Coruña, conta cun amplo programa de espectáculos e obradoiros para todos os públicos. Do 22 ao 25 de outubro haberá maxia para bebés, nenos e nenas, persoas adultas e maiores nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. As entradas poderanse adquirir na Billeteira electrónica do Concello de Ames. Este evento conta coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña. 

O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, fixo fincapé na relevancia do FestiMax e no éxito que ten no concello. “É un dos espectáculos de referencia, máis novidosos, importantes e populares que organizamos no Concello”, afirmou. Destacou que “é difícil, nos 21 anos que se leva facendo, innovar ano a ano para que á xente lle siga gustando e siga vindo a velo”. Neste sentido, agradeceu ao director artístico, Dani Polo, por formar parte desta proposta un ano máis: “iso tamén di moito de quen organiza e dirixe, para nós é un orgullo poder contar contigo, xa que pertences ao ámbito internacional”.

Blas García engadiu: “desde o Concello de Ames seguiremos apostando por este festival, que ademais xa pasou por múltiples gobernos, e cando algo funciona dá igual quen estea na alcaldía. Eu xa levo 5 edicións, pero antes que eu estiveron outros alcaldes que apostaron por esta actividade e trataron de mellorala cada ano”.

A técnica do departamento de Cultura, María Vázquez, comezou presentado o FestiMax coma “un clásico”, e sinalando que “a xente xa nos estaba preguntando cando saen as entradas e a programación”. Recalcou que “haberá maxia para tódolos públicos, empezando o día 22 con dúas sesións de maxia para bebés, seguido de maxia infantil e maxia para maiores. Creo que ademais as galas desta edición van a ser moi potentes e con magos moi interesantes, espero que sexa un exitazo”, engadiu.

O director artístico do festival, mago e produtor de Abarajar Producciones, Dani Polo, comezou agradecendo ao Concello de Ames por contar con el de novo para este festival e abrirlle as portas un ano máis. Indicou que “o FestiMax segue apostando, un ano máis, por traer maxia para tódalas idades, e por outra parte por conxugar talento galego, nacional e tamén talento de fóra. E iso é o que fai que esta proposta sexa un festival internacional”. Rematou comentando que “o prato forte é a Gala Máxica, que creo que este ano ten un nivel espectacular. Todos os anos o é, pero creo que especialmente este ano temos un cartelón”.

Oferta para tódalas idades
A programación do FestiMax desta nova edición é moi diversa e está pensada para entreter ao público de todas as idades. Comezando pola primeira actividade, o espectáculo “Patapún” presentado polo Mago Paco, dirixido aos máis cativos, aos pequenos e pequenas de entre 1 e 4 anos do concello. O Mago Paco é un dos magos galegos máis aclamados do momento, que está despuntando en tódolos festivais, sempre aportando a maxia infantil da que el é experto.

Esta actividade terá lugar o vindeiro xoves, 22 de outubro, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Haberá dúas sesións, a primeira ás 17.00 horas; e a segunda ás 18.15 horas. Poderán asistir un máximo de dous adultos por neno ou nena.

Tamén da man do Mago Paco, o venres 23 de outubro presentarase o espectáculo infantil “Xoga e Maxia” na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18.00 horas. A idade recomendada para asistir ao espectáculo é a partir dos 4 anos.

Por outra banda, haberá maxia para as persoas maiores. Para elas chega, dende Valladolid a maga Martilda, que será a encargada de levarlles a ilusión aos nosos maiores. Esta profesional ofrece máis de 50 shows por ano, moitas veces en residencias de maiores, sendo ela a persoa perfecta para encargarse desta xornada. Este espectáculo para os maiores será o venres 23 de outubro , ás 11.00 horas no Local dos Maiores de Bertamiráns, e ás 17.00 horas no Local JUPEMI do Milladoiro.

Obradoiros de maxia
Nesta ocasión os obradoiros de maxia correrán ao cargo de Samuel Moreno, que chega de Pontevedra, para ensinar os primeiros trucos de maxia. Cada sesión contará con 12 participantes por grupo, de entre 8 e 14 anos.

As quendas no Milladoiro serán o sábado 24 de outubro, unha ás 11.00 horas e outra ás 12.00 horas na Casa da Cultura. No caso de Bertamiráns, poderase desfrutar deste obradoiro o domingo 25 de outubro, ás 11.00 e ás 12.00 horas, tamén na Casa da Cultura. Para poder participar nestes obradoiros será preciso inscribirse a través do enderezo de correo cultura@concellodeames.gal. Hai que enviar nome, apelidos e un número de teléfono de contacto.

Maxia internacional
O prato forte do festival chegará a fin de semana do 24 e do 25 de outubro, coa Gala Máxica Internacional, na que participan algúns dos magos máis premiados do momento. Así, mesturarase maxia de diferentes estilos e procedencias para crear unha experiencia única.

A Gran Gala Máxica Internacional estará presentada polo mago Dani Polo e contará coa participación de David Díaz, procedente de Madrid, que nos ofrecerá un espectáculo de manipulación no que as ferramentas de traballo son as súas propias mans, empregando latas de refresco; Cástor & Pólux, que chegan de Valencia, dous xemelgos exactos que nos amosarán que comparten moito máis que parecido físico, senón que tamén contan cunha conexión telepática que levan practicando dende que naceron; o arxentino Mirko Callaci, gañador do Premio Mundial de Maxia hai uns anos, converténdose nun referente neste ámbito; e para pechar a gala, dende Barcelona, contarase con Mag Marín, cunha maxia moi novidosa e que combina ilusións con grandes aparellos e tamén con comicidade.

Esta proposta está dirixida a público maior de 6 anos e representarase o sábado 24 na Casa da Cultura do Milladoiro nunha primeira sesión ás 17.00 horas, e nunha segunda ás 19.30 horas. O domingo 25 terá lugar no mesmo horario na Casa da Cultura de Bertamiráns.

A venda de entradas farase a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames. Para máis información pódese chamar aos números de teléfono 981 535 940 / 662 377 444 ou escribir un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeames.gal.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames se llena de magia del 22 al 25 con propuestas para todas las edades"

El Correo Gallego: "Ames presenta el FestiMax 2026 con el mago Dani Polo y el campeón mundial Mirko Callaci"

Diario de Santiago: "Ames vivirá unha semana máxica do 22 ao 25 de outubro coa celebración do XXI Festival Internacional de Maxia"

Lindeiros: "XXI Festival Internacional de Maxia de Ames"

Ames vivirá unha semana máxica do 22 ao 25 de outubro coa celebración do XXI Festival Internacional de Maxia

Multimedia

  • Ames vivirá unha semana máxica do 22 ao 25 de outubro coa celebración do XXI Festival Internacional de Maxia
  • Ames vivirá unha semana máxica do 22 ao 25 de outubro coa celebración do XXI Festival Internacional de Maxia
  • Ames vivirá unha semana máxica do 22 ao 25 de outubro coa celebración do XXI Festival Internacional de Maxia
  • Ames vivirá unha semana máxica do 22 ao 25 de outubro coa celebración do XXI Festival Internacional de Maxia
  • Ames vivirá unha semana máxica do 22 ao 25 de outubro coa celebración do XXI Festival Internacional de Maxia
  • Ames vivirá unha semana máxica do 22 ao 25 de outubro coa celebración do XXI Festival Internacional de Maxia
  • Ames vivirá unha semana máxica do 22 ao 25 de outubro coa celebración do XXI Festival Internacional de Maxia
  • Ames vivirá unha semana máxica do 22 ao 25 de outubro coa celebración do XXI Festival Internacional de Maxia