Pestanas principais

Ames vístese de festa: O Milladoiro e Covas celebran A Madalena e o santo Estevo

Venres, 05 de agosto de 2011

[05-08-2011] Ames prepara a súa roupa de domingo para celebrar dúas festas nesta fin de semana. A festividade en honra de María Madalena, un evento que se celebra no Milladoiro, comezou xa o 22 de xullo con diversos actos relixiosos e culturais organizados pola Asociación Cultural A Madalena. Porén, os días grandes da festa son o 5, 6, 7 e 8 de agosto e O Milladoiro se prepara para vivir unhas xornadas chea de música e lecer. Por outra banda, a parroquia de Covas tamén festexa o santo Estevo. Os días 5, 6 e 7 de agosto terá lugar esta festa que contará con diversas atraccións para os máis pequenos e sesións de baile e música para o divertimento de todas as persoas asistentes.

O 5 de agosto, ás 20.30 h, comeza a festa coa apertura das atraccións e coa actuación do famoso mago galego Dani García que encherá de maxia a praza de Costa Grande. O segundo día, O Milladoiro contará con fortes apostas de lecer. Ás oito e media da tarde, na praza de Entreagros (entre o Agro do Medio e o Agro da Madalena), dous pallasos en apuros farán rir aos e ás asistentes co seu espectáculo Sete magníficos máis un. Despois das gargalladas, a verbena principiará ás 22.30 h no campo da festa coa actuación estelar do grupo musical JJ y Son e co espectáculo musical da orquestra Players. Neste mesmo día, Manu López e Manu GZ, DJ's de Radio Líder achegaranse ao Milladoiro para facer vibrar aos e ás amienses coa súa selección de música.

O día 7 de agosto comezará a festa a partir das dez da mañá na capela da Madalena cos fogos de artificio "21 bombas de Palenque". Ás 12.30 h realizarase a saída do Rosario e media hora máis tarde terá lugar a misa solemne en honra á María Madalena. Posteriormente, ás dúas menos cuarto, os membros da banda municipal de Brión ofrecerán un maxistral concerto. A sesión vermú principiará ás 14.15 horas e estará amenizada polo grupo Bull Black Show.

Pola tarde, continúan as actividades lecer. Peter Punk ofrecerá unha divertida sesión na que converterá os xogos malabares en arte. A partir das dez da noite volve a verbena a cargo de Bull Black Show e da orquestra e atracción Ipanema. Unhas actuacións que intentarán que os veciños e veciñas non deixen de mover o esqueleto.

O luns 8 de agosto, a charanga O Recobío, subvencionada pola Deputación provincial, será a encargada de iniciar a velada cun pasarrúas que comezará ás seis da tarde. Unha hora despois, na capela da Madalena, os rapaces e rapazas poderán gozar das historias e aventuras do grupo infantil Migallas. Ás nove da noite terá lugar a misa solemne e, media hora máis tarde, procederase a recollida da imaxe da súa lugar de orixe na rúa Viorneira. A verbena non se fará esperar e ás dez da noite, a orquestra Poceiro e o grupo revelación do momento D'Moda traballarán arreo para que o final da festa sexa espectacular.

Santo Estevo de Covas

A festa en honra a María Madalena non é a única celebración que deben anotar os veciños e veciñas amienses nas súas axendas. A festividade en honra de santo Estevo terá lugar os días 5, 6 e 7 de agosto en Covas. O 5 de agosto comezará o evento relixioso cunha misa solemne e cunha procesión a partir das oito da tarde, acto que estará amenizado por un grupo de gaitas. O día 6, a xornada contará con misa solemne, procesión e grupo de gaitas a partir da unha do mediodía e, posteriormente, unha sesión vermú a cargo da orquestra Metrópolis. Este grupo musical será o encargado de amenizar a noite de verbena e divertimento xunto co trío Karles Show.

Para rematar a festividade, o día 7 de agosto celebrarase a partir das doce e media da mañá a misa solemne e a procesión coa posterior sesión vermú amenizada polo grupo Trole. Ás catro da tarde dese mesmo día, os nenos e nenas poderán gozar da súa particular festa na que contarán, entre outras atraccións, con inchables. A noite será responsabilidade do grupo Trole que lle porá as últimas notas á festa de Covas.