[07-03-2019] Esta mañá comezaron os actos programados en Ames co gallo do Día Internacional das Mulleres. Así, o Concello organizou Muller Arbórea, unha xornada no IES de Bertamiráns que consistiu na lectura do manifesto institucional por parte de varios membros do goberno municipal, a plantación de dúas árbores por parte de alumnos e un concerto de poesía teatralizada. Durante o acto reivindicouse a loita cara a igualdade de sexos, ao tempo que o alumnado realizou unha homenaxe a varias figuras importantes do movemento feminista. Os eventos continuarán mañá ás 12.00h cunha concentración na Praza do Concello convocada pola Plataforma Feminista galega.
O 8M en Ames
A Plataforma Feminista galega 8M convocou, co apoio do Concello de Ames, unha xuntanza na Praza de Chavián mañá venres, que se trasladará á entrada da Casa da Cultura de Bertamiráns no caso de que chova. O obxectivo da reunión será o de preparar pancartas e ultimar unha coreografía para a concentración do 8M de Santiago. De seguido, arredor dás 11.00h, comezará un paseo por Bertamiráns no que as participantes chamarán ao resto de amesás a que participen na concentración que terá lugar ás 12.00h na Praza do Concello.
Ao finalizar a manifestación, as participantes que así o desexen poderán ir ata o Pazo da Peregrina para ultimar os ensaios dos cantos e a coreografía que se desenvolverá na concentración da tarde, que sairá da Praza 8 de marzo de Santiago. Ás 14.30 asistirán a un xantar elaborado e servido polos profesores e os alumnos de 2º de Bacharelato do IES de Bertamiráns, tralo que un profesor voluntario impartirá unha sesión de Ioga.
Dende o Concello convocase a todas as amesás a que participen nos actos organizados ao abeiro desta celebración, que colguen os mandís e se unan aos actos destinados a reclamar que a igualdade entre homes e mulleres en todos os aspectos sociais se converta nun feito.
O IES de Bertamiráns acolleu esta mañá o evento Muller Arbórea, a través do que o Concello de Ames quixo conmemorar o Día Internacional das Mulleres, que se celebra o 8 de marzo. O evento comezou coa lectura conxunta do manifesto por parte do rexedor amesá, José Miñones, a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luisa Feijóo, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, e o voceiro de Ames Novo, Quique Costas. A continuación, os alumnos Adrián Costa Sánchez e Martín Veiga Caramés plantaron dúas árbores no Paseo de Carmen Amado, coa axuda de membros da brigada municipal de obras.
Despois disto, os e as asistentes trasladáronse ao Salón de Actos do centro, onde varias alumnas e alumnos fixeron un percorrido por algunhas figuras do feminismo, tanto nacionais como internacionais, salientando os motivos polos que loitaron ou loitan e algunhas das súas citas célebres. A continuación, chegoulle a quenda ao grupo Casa Morada, que realizou un concerto de poesía teatralizada contra o patriarcado, no que a muller e a reivindicación da igualdade foron os temas centrais.
Asemade, durante o evento, a condutora do concerto plantou sementes en cada unha das sete macetas que estaban repartidas no salón, e que representaban cada un dos días da semana nos que as mulleres deben loitar pola igualdade. Ao finalizar o acto, cada clase de 1º da ESO do centro puido levar unha maceta para coidar da planta, que simboliza un paralelismo entre a sociedade e a natureza.
Contido relacionado
Lindeiros: "A bisbarra conmemora o Día da Muller"
Compostela 24 horas: "O Concello de Ames e a Plataforma Feminista Galega conmemoran o Día Internacional das Mulleres con varios actos a través dos que convidan ás amesás a unirse ao 8M"
El Correo Gallego: "Alzan a voz as mulleres en defensa dos seus dereitos"