[17-05-2012] O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu a conmemoración do Día das Letras Galegas. O evento comezou coa actuación dos alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música de Ames e continuou coa entrega dos premios do IV Certame Intercentros e do IX Certame Literario.
A Casa da Cultura do Milladoiro foi esta tarde o epicentro das celebracións organizadas polo Concello de Ames con motivo do Día das Letras Galegas. O acto central desta conmemoración comezou ás 18,00 horas e estivo conducido polo xornalista amiense Diego Viaño.
Ao acto asistiron a concelleira de Cultura, Eugenia Martín; o concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo, Turismo e Educación, Bernardo Moar; a concelleira de Atención e Mediación Veciñal, Carmen Verde; a concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González; o concelleiro de Vías, Obras, Parques, Xardíns e Patrimonio, Alfredo Taboada; o concelleiro do grupo municipal popular, Alfonso Rey; o concelleiro de Ames Novo, Anxo Doval, e o concelleiro do grupo municipal do PSOE, José Pazos.
O programa deu inicio coa interpretación por parte da xornalista Nazaret López dun poema de Valentín Paz Andrade, o autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Seguidamente, celebrouse unha actuación de varios membros da Escola Municipal de Música de Ames. En primeiro lugar, saíron ao escenario Guillermo e Iria Guimil Fuentes, que interpretaron a violín 'La Marcha', de Sheila Nelson. Despois, Iria Guimil Fuentes tocou a peza 'El baile ruso', de Piotr Tshaikovsky.
Tras as actuacións musicais, deu comezo a entrega premios da cuarta edición do Certame Artístico-Literario Intercentros, dirixido aos alumnos e alumnas do segundo e terceiro ciclo de educación primaria do Concello de Ames. Os galardóns foron entregados pola concelleira de Cultura, Eugenia Martín, e polo concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo, Turismo e Educación, Bernardo Moar.
Unha vez rematada a entrega, volveron subir ao escenario membros da Escola Municipal de Música de Ames para interpretar dúas pezas a violín. Nese momento, foi a quenda de Iria Guimil Fuentes e Anna Mainska, que interpretaron 'El Cuco', de Charles Daquin. Logo, xa en solitario, Anna Mainska ofreceu ao público a obra 'Scherzo', do compositor Henryk Wieniawsk.
Tras a actuación musical, o acto de conmemoración do Día das Letras Galegas continuou coa entrega de premios da novena edición do Certame Literario que organiza o Concello de Ames e que xa se ten convertido en todo un referente en Galicia. En nome do xurado que determinou os galardóns (composto tamén polo investigador Xosé López Silva, a ex directora do CEIP Barouta Teresa Noya e Rosa Moreiras), interveu a escritora Charo Pita.
Neste caso, os premios foron entregados pola concelleira de Atención e Mediación Veciñal, Carmen Verde; pola concelleira de Medio Ambiente, Sanidade e Cultura, Eugenia Martín; polo representante da Fundación Feiraco, José Montes Pérez, e pola propia escritora Charo Pita.
Despois de rematar coa entrega de todos os galardóns, a concelleira de Cultura, Eugenia Martín, pechou o acto. Na súa intervención, a concelleira destacou que o acto celebrado hoxe “é a nosa homenaxe, desde o Concello de Ames, ás Letras Galegas. É a nosa forma de amosar o noso respecto pola cultura galega e de celebrar como se merece esta data”.Eugenia Martín tamén lembrou a figura de Valentín Paz Andrade, a quen definiu como “un home adiantado ao seu tempo” e subliñou “o seu compromiso político e a súa inmensa sensibilidade cara Galicia”.
A concelleira engadiu que os traballos premiados no 2012 nos certames Intercentros e Literario “reflicten a existencia dunha gran creatividade literaria en galego” e considerou que os certames “cumpren sobradamente os seus obxectivos: impulsar a creatividade, o emprego do galego e fomentar o amor pola escrita”. Rematou a súa intervención agradecendo a colaboración a todos os que fixeron posible estes certames e aos participantes, dos que destacou “a súa calidade, imaxinación e creatividade”.
O acto de conmemoración do Día das Letras Galegas organizado polo Concello de Ames rematou coa interpretación do Himno Galego.




