[07-04-2016] O concello de Ames únese este ano á labor de difusión da OMS coa celebración do Día Mundial da Saúde. Esta data foi creada para aumentar a conciencia sobre cuestións de saúde e xerar accións que promovan unha maior e mellor acceso á saúde en todo o mundo. Este ano a OMS adícao á diabete co lema "Vence á diabete".
A OMS estima que esta enfermidade crónica será a sétima causa máis común de defunción no ano 2030. Un páncreas que produza insuficiente insulina, ou un corpo incapaz de empregar eficazmente a insulina que este órgano produce, son as causas da diabete. A insulina é unha hormona que regula o nivel de azucre en sangue. Cando o azucre non alcanza ás células para transformarse en enerxía acumúlase no noso sangue até alcanzar niveis prexudiciais para a nosa saúde. Este fenómeno, coñecido polo nome de hiperglicemia pon en risco aos órganos principais do noso corpo. Pode provocar ataques cardíacos, accidentes cerebrovasculares, insuficiencia renal, neuropatías, cegueira, impotencia e infeccións que poden desembocar na necesidade de amputar membros do corpo.
A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, anunciou que, co apoio e difusión dos obxectivos deste Día Mundial da Saúde 2016 "queremos aportar o noso gran de area dende o Concello", un gran de area que comezou xa co programa Ames Saudable". As bases fundacionais do programa Ames Saudable "fan fincapé na práctica do deporte en tódalas idades e a nutrición como bases da prevención". Unha iniciativa que achega á veciñanza os servizos da nutricionista municipal, que traballa cos centros escolares a través de charlas e obradoiros, así como coas asociacións do municipio.
Ante o aumento de casos de diabete en numerosos países, especialmente naqueles cun nivel de ingresos económicos moi baixos ou baixos, é o motivo polo que a OMS decide prestar especial atención a esta enfermidade no 2016. Cabe destacar, como indica este organismo, que unha gran porcentaxe dos casos que se rexistran poderían terse prevido cun mantemento de peso normal, a realización de actividade física periódica e unha dieta sa dos pacientes.
Unha vez que se desenvolve a diabete pode ser tratada e controlada, para minorizar o seu impacto na saúde das persoas. Os esforzos para tratala e, sobre todo, para prevela, son e serán de gran importancia para alcanzar a meta do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 3, consistente en reducir a mortalidade prematura por enfermidades non transmisibles nunha terceira parte de cara a 2013. Enfermidades que, no caso da diabete, se poderían reducir de xeito importante a través da educación en hábitos de vida saudables.
Por estes motivos o obxectivo do Día Mundial da Saúde 2016 son: intensificar a prevención da diabete e mellorar e reforzar a atención e á vixianza ás persoas que sofren esta enfermidade. Entre as labores de prevención atópanse o acrecentar a concienciación dos hábitos que poden favorecer a aparición da diabete e das súas consecuencias e impulsar unha serie de actividades para facer fronte á diabete, prevela, diagnosticala e tratar a quen a padece. Ademais a OMS presentará o primeiro informe mundial sobre a diabete, cunha descrición da carga e das consecuencias da diabete, avogando por sistemas de saúde máis sólidos que aseguren unha mellor vixilancia, unha prevención reforzada e unha atención máis eficaz da diabete.




