Pestanas principais

Ames únese ao Día Mundial da Loita contra a SIDA

Luns, 30 de novembro de 2015

[30-11-2015] Trátase dunha xornada que busca concienciar á cidadanía sobre a importancia da prevención para evitar o contaxio, así como da educación para eliminar estigmas e crenzas erróneas que rodean aos enfermos de VIH. Para conmemorar o Día Mundial da Loita contra a SIDA o Concello de Ames, a través da concellaría de Servizos Sociais, repartirá lazos vermellos.

Lazos vermellos serán repartidos nas dependencias municipais amesás como símbolo da participación de Ames no Día Mundial da Loita contra a SIDA. A síndrome de inmunodeficiencia adquirida é unha enfermidade que afecta, hoxe en día, a millóns de homes e mulleres. A concelleira amesá de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, explicou que se trata dunha chamada de atención acerca dunha enfermidade da que ''non nos podemos esquecer''.

A desigualdade no acceso a métodos de prevención ou na falta de información é un dos motivos do alto número de contaxio en varios países. Os enfermos son, como explica a concelleira, ''moitas veces discriminados'', sobre todo pola falta de información e de comprensión da enfermidade no seu entorno.

Non existe actualmente un tratamento de cura para a sida, polo que a formación e o facilitar á poboación o acceso a sistemas de protección, como os preservativos, son os métodos máis eficaces para tratar de evitar o contaxio.

Trátase tamén dun día de chamamento ás institucións, que nun ámbito como o local xogan un importante papel á hora de proporcionar á cidadanía cursos, talleres, apoio ou asesoramento en materia de educación sexual.

Seguindo esta premisa, no ano 2016, o Concello pretende programar unha serie de charlas e talleres informativos sobre sexo, saúde e prevención, nos centros de educación secundaria ou nas Casas de Cultura, abertas á participación de todos as amesás e amesáns.