Pestanas principais

Ames, un exemplo na conciliación da vida familiar e laboral

Venres, 29 de abril de 2011

[29-04-2011] A Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) acaba de publicar un estudio no se indica que os pais/nais de España teñen dificultades para conciliar a vida laboral e familiar. Nunha situación totalmente contraposta atópase o Concello de Ames xa que dispón dunha ampla oferta de servizos complementarios que permiten a conciliación familiar e laboral dos pais e nais amienses. Ames é un claro exemplo de progreso neste senso. Durante os últimos catro anos produciuse un forte incremento no número de solicitantes e usuarios/as dos servizos complementarios, unha aposta do goberno local por ofertar diversos servizos destinados a axudar ás familias a conciliar a vida laboral e familiar. Estes servizos complementarios son pioneiros en toda Galicia e inclúen os programas Bos días cole, Tardes divertidas, a Rede Municipal de Comedores Escolares, os lúdicos e a Escola de verán. Actualmente estes servizos contan con 2.359 usuarios/as.

A Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) vén de facer publico un estudio sobre a situación na que se atopa España no que se refire aos programas de conciliación laboral e familiar. Este traballo indica que os pais/nais de España teñen dificultades para conciliar a vida laboral e familiar. A situación é tal que as traballadoras españolas seguen sen incorporarse plenamente ao mercado laboral en niveis moi inferiores aos do seu contorno e teñen menos fillos que a media das mulleres europeas. Para a OCDE hai que investir máis diñeiro estatal e o mercado debe adaptarse, xa que faltan garderías fóra do horario escolar.

Aínda que a situación xeral en España é deficitaria en canto aos servizos de conciliación laboral e familiar que se ofertan dende as distintas administración, existen excepcións e un claro exemplo diso é o Concello de Ames. Nunha situación totalmente contraposta atópase o Concello de Ames xa que dispón dunha ampla oferta de servizos complementarios que permiten a conciliación familiar e laboral dos pais e nais amienses.

O alcalde de Ames, Carlos Fernández, explicou que "Ames é unha illa completamente axea a este informe que acaba de emitir a OCDE. Tanto é así que nos últimos catro anos incrementou de xeito considerable o número de usuarios/as que participan nos servizos complementarios que oferta o Concello de Ames. A pesar do recorte presupostario Ames segue apostando pola gasto social e en materia de educación".

O goberno municipal iniciou no ano 2003, coincidindo co cambio de goberno, un conxunto de servizos destinados a facilitar a conciliación laboral dos pais e nais de Ames que teñen aos seus fillos escolarizados nos centros de ensino amienses, mediante un conxunto de programas como a Rede Municipal de Comedores, Bos días cole ou Tardes divertidas nos que, ademais de manter aos nenos activos mentres os pais/nais traballan, estes reciben educación de carácter cívico e alimentario, favorecendo entre os cativos e cativas unha boa dieta saudable e valores de convivencia e respecto cara os seus compañeiros. Nos últimos catro anos o número de usuarios non fixo máis que aumentar, o que indica ben as claras que estes servizos teñen moi boa acollida entre os cidadáns e as cidadás de Ames. Os servizos complementarios que ofrece o Concello de Ames pasaron a ser imprescindibles para a veciñanza amiese.

O goberno local aposta polo gasto social e iso vese reflectido no mantemento destes servizos que resultan indispensables para todos os veciños/as de Ames. Dende a Administración local cren necesario investir en gasto social e en materia de educación. O concello de Ames dispón dunha poboación eminentemente xoven o que provoca que se teñan que dedicar un gran número de recursos a este grupo social. O mantemento de todos este servizos supón un enorme esforzo económico e un gran gasto para as arcas municipais, pero dende o executivo local cren que é preciso apostar pola educación dos rapaces e rapazas que residen en Ames. Durante o presente exercicio dedicarase unha partida de 1.022.492 euros para sufragar os servizos complementarios.

Rede Municipal de Comedores Escolares

Os comedores escolares foron pioneiros á hora de ofrecer un servizo de xestión alimentaria directa que comeza e completa o ciclo, desde a elección do menú e a compra ata a cociña e a mesa sen pasar en ningún momento por mans alleas. Así, a Rede Municipal de Comedores Escolares contaba no curso 2007-2008 con 641 usuarios, mentres que neste curso 2010-2011 fan uso deles 971 nenos e nenas, o que supón un incremento de 330 usuarios, ou o que é o mesmo un incremento aproximado dun 51,5%. O incremento entre o curso pasado e este é de 149 usuarios.

Pola súa banda, os programas de Bos días cole e Tardes divertidas, cuxa finalidade é conciliar a vida laboral e familiar, ofrecen a posibilidade de que os pais/nais poidan deixar aos rapaces na escola antes do inicio das horas lectivas, para que poidan ir traballar e chegar ao seu posto de traballo á hora, ou deixalos pola tarde nas escolas mentres os pais/nais traballan. Estes servizos tamén incrementaron o número de usuarios nestes últimos catro anos.

Bos días cole incrementou entre o curso 2007-2008 e o presente curso 2010-2011 o seu número de usuarios en 175 nenos/as, o que supón unha subida dun 270%, xa que en 2007 contaba con 65 rapaces e rapazas e a día de hoxe presta servizo a 240 rapaces e rapazas. Con respecto ao curso pasado, o incremento foi de 18 usuarios, consolidándose deste xeito a tendencia a alza dos pais e nais que usan este servizo.

O incremento de usuarios do programa Tardes divertidas con respecto a ano 2007 foi de 70 rapaces e rapazas, un 175%, xa que hai catro anos eran 40 os seus usuarios e hoxe son 110. Con respecto ao ano pasado, sumáronse 36 novos usuarios, dándose así tamén un proceso de alza no número de interesados neste programa ano a ano.

Así, os programas Bos días cole, Tardes divertidas e a rede Municipal de Comedores Municipais dan servizo ao CEIP A Maía, ao CEIP Agro do Muíño, á Escola de Educación Infantil do Milladoiro e ao CEP de Ventín.

Tempadas lúdicas e Escola de Verán

Outros programas inseridos nestes servizos complementarios dependentes da Concellería de Educación son os lúdicos (primavera, xuño, setembro e Nadal lúdico) e a Escola de verán. No xuño lúdico, o incremento de beneficiados con respecto a ano 2007 foi de 27 nenos/as, o que supón unha subida dun 10%, mentres que con respecto ao ano pasado foi de preto de 40 novos usuarios, aumentando cada curso dende 2008 o número de beneficiados. No Nadal lúdico de 2007 foron 201 os rapaces e rapazas que se apuntaron a este programa, mentres que en 2010 foron 211, polo que o incremento con respecto a hai catro anos foi de 10 rapaces e rapazas, producíndose un incremento do 5%. Entre 2009 e 2010 o Nadal lúdico gañou 35 novos usuarios/as.

A Primavera lúdica e o Setembro lúdico conseguiron estabilizar o número de usuarios por riba dos 130 e os 200 usuarios/as respectivamente, de tal xeito que no programa da Primavera lúdica deste ano son 135 os nenos e nenas que se beneficiaron deste servizo e 204 os que o fixeron do setembro lúdico de 2010.

A Escola de Verán vai gañando alumnos/as ano a ano consolidándose a tendencia alcista, de tal xeito que se en 2007 foron 153 os rapaces e rapazas apuntadas, en 2010 houbo 200 usuarios/as, producíndose un incremento do 30,7%, uns 47 alumnos e alumnas máis, mentres que se comparamos os datos de 2010 cos de 2009 o incremento é de 40 persoas.

Así, queda sobradamente demostrado que os servizos complementarios desenvolvidos polo goberno municipal dispoñen da absoluta confianza dos pais e nais dos nenos/as que residen en Ames, converténdose nun servizo moi estendido na educación dos rapaces e rapazas do concello que, ademais de permitirlles aos pais/nais conciliar a vida laboral e a familiar, permítelles aos cativos e cativas contar cunhas horas fóra do horario escolar no que reciben unha boa atención e educación en valores e nunha dieta saudable.