Pestanas principais

Ames tínguese de azul co gallo do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo

Martes, 02 de abril de 2019

A Casa do Concello de Ames iluminase de azul esta tarde para conmemorar o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, que se celebra cada 2 de abril. Con este xesto, o Concello mostra o seu apoio ao colectivo de persoas con trastorno do espectro autista. Asemade, dende o Concello anímase á veciñanza a participar na campaña “I ∞ autismo. Unha dinámica nova para o autismo”, impulsada pola Confederación Autismo España e a Federación Autismo Galicia. Esta iniciativa consiste en “facer o xesto” do símbolo ∞, inmortalizalo a través dunha foto ou vídeo, envialo a comunicacion@autismogalicia.com e compartilo nas RR.SS baixo o hastag #DiaMundialAutismo.

No ano 2007, a Asamblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 2 de abril como o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, co obxectivo de poñer o aceno na necesidade de traballar en pos da mellora da calidade de vida das persoas con autismo como parte integrante da sociedade. Para conmemorar este día, as organizacións Autismo Europa, Autismo España e Autismo Galicia promoven unha serie de actividades para dar visibilidade a este tipo de trastorno.

Así, O Concello de Ames participa un ano máis na campaña de concienciación #LIUB, mediante a que edificios e monumentos de todo o mundo se iluminan de azul como mostra de apoio e solidariedade con todas as persoas con TEA. O obxectivo neste 2019 é que máis de 350 edificios en España se tingan de azul ao abeiro desta iniciativa mundial promovida por Autism Speaks (Light It Up Blue), entre os que estará a Casa do Concello de Ames, que se tinguirá desta cor a partir das 20.00h desta tarde.

Asemade, dende a Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade anímase á toda a veciñanza a participar na iniciativa “I ∞ autismo. Unha dinámica nova para o autismo” que este ano, baixo o lema “Fai un xesto polo autismo”, convida a usar a imaxinación para representar o símbolo do infinito ∞ da maneira que cada un/unha desexe e inmortalizalo cunha foto ou vídeo. De seguido, deberase subir a foto ás redes sociais co hastag #DiaMundialAutismo, e envialo a comunicacion@autismogalicia.com. A Federación Autismo Galicia elaborará un vídeo co material que chegue ao dito enderezo.

Mediante esta campaña preténdese aumentar a conciencia social sobre o TEA para que a cidadanía saiba que todos podemos contribuír á inclusión das persoas con este tipo de trastorno con pequenos xestos, ao tempo que se busca concienciar aos dirixentes políticos sobre a necesidade de promover políticas centradas no respecto aos dereitos das persoas autistas. Neste senso, tamén se quere manifestar a importancia de que se aprobe e poña en marcha un plan de acción da estratexia en TEA, tanto a nivel europeo como español, no que se establezan os recursos necesarios e se fixe un calendario coas accións máis urxentes para mellorar a calidade de vida deste colectivo e as súas familias.

Así mesmo, entre os obxectivos do movemento asociativo encontrase o de promover a implantación total da Convención da ONU sobre Dereitos das Persoas con Discapacidade, aprobado en decembro de 2006.

Ligazóns

Ames tínguese de azul co gallo do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo

Multimedia

  • Ames tínguese de azul co gallo do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo
  • Ames tínguese de azul co gallo do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo