Pestanas principais

Ames tínguese das cores do arco da vella para conmemorar o Día Internacional do Orgullo LGTBQI

Xoves, 27 de xuño de 2019

Este venres, 28 de xuño, o Concello de Ames conmemora o Día Internacional do Orgullo LGTBQI cunha serie de accións dirixidas a visibilizar ao colectivo LGTBQI e reivindicar unha convivencia baseada na tolerancia e a igualdade. O acto central, que ten lugar ás 12.00h no Concello, inclúe a lectura dun manifesto acordado entre os membros da corporación municipal e o reparto de material como chapas, bolsas ou camisetas entre os/as asistentes. Asemade, Ames adhírese á campaña ‘Liberdade de ser e sentir!’ impulsada pola Deputación da Coruña, na que participan arredor de corenta concellos da provincia.

Ames énchese de música e cores un ano máis para celebrar o Día Internacional do Orgullo LGTBQI, que se conmemora cada 28 de xuño. Este ano, as cores do arco da vella non só tinguirán a Casa do Concello, mediante a iluminación nocturna do edificio e a colocación das bandeiras LGTBQI e TRANS no balcón, senón que se estenderán polos núcleos urbanos de Bertamiráns e o Milladoiro. Con motivo deste celebración, pintaranse dous bancos da Praza do Concello coas ditas bandeiras e dous pasos de peóns, situados na rúa Entrerríos de Bertamiráns e na Travesía do Porto, á altura do Paseo da Igualdade, do Milladoiro.

Asemade, mañá realizarase a lectura do manifesto a partir das 12.00h na Casa do Concello por parte de distintos membros da corporación municipal e de Eric Gómez. Dende o goberno anímase a toda a veciñanza a participar no acto, ao que tamén están convidadas as traballadoras e traballadores municipais, así como o resto de grupos políticos. A iniciativa tamén incluirá moita música e o reparto de chapas, bolsas e camisetas entre os e as asistentes.

Por outra banda, as persoas que queiran participar neste proxecto e mostrar a súa celebración deste día poden sacar as súas fotos nos pasos de peóns ou nos bancos do Concello de Ames e subilas ás redes sociais baixo o hastag #AmesConcelloDiverso e #AmesLiberdadeDeSerESentir.

Liberdade de ser e sentir!

Ademais do amplo abano de accións que terán lugar en Ames con motivo deste día, o Concello adhírese á campaña ‘Liberdade de ser e sentir!’, impulsada pola Deputación da Coruña. Esta iniciativa, que conta coa participación de preto de corenta municipios da provincia, ten como obxectivo sensibilizar sobre a importancia da tolerancia e a igualdade das persoas, con independencia da súa orientación sexual e/ou identidade de xénero. Para coñecer máis sobre esta campaña pódese consultar esta ligazón ou ver o seguinte video

Ligazóns:

La Voz de Galicia: "De paso de cebra a paso arcoíris"

Compostela 24 horas: "Pasos de peóns para a diversidade sexual e igualdade en Ames"

Portada do programa Liberdade de ser e sentir!

Multimedia

  • Cartel do programa Liberdade de ser e sentir!
  • Cartel do programa Liberdade de ser e sentir!